FERROL360 | Luns 19 setembro 2016 | 14:44
Integrantes do Grupo de Acción Local -GALP- Golfo Ártabro Norte participarán nunha reunión informativa este xoves nas instalacións do Café Teatro do Pazo da Cultura para abordar as axudas do Fondo Marítimo e da Pesca.
O GALP Golfo Ártabro Norte é unha das entidades colaboradoras da Consellería do Mar na xestión destas axudas, así que a xuntanza servirá para resolver dúbidas e responder preguntas sobre as mesmas. A reunión comezará ás 20:00 horas.
O edil de Urbanismo e representante do Concello de Narón na entidade, Manuel Ramos, apuntou que están convidadas á reunión persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens, confrarías de pescadores, asociacións e federacións do sector pesqueiro, entidades públicas locais e asociacións sen ánimo de lucro, entre outras.
Na convocatoria explicarase aos asistentes quen pode acceder a estas axudas, os requisitos para poder acollerse a elas, a tipoloxía dos proxectos que se poden presentar, os trámites e a documentación necesarios e os prazos de presentación das iniciativas. Para obter máis información pódese consultar esta páxina web.