Home / Ferrol / Ares / Roteiro sufraxista, paros, homenaxes e maratón de lectura para celebrar o Día da Muller

Roteiro sufraxista, paros, homenaxes e maratón de lectura para celebrar o Día da Muller

FERROL360 | Martes 7 marzo 2017 | 20:56

Este mércores 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller Traballadora cunha morea de actos espallados polas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Haberá homenaxes a grandes mulleres da zona, un roteiro sufraxista, paros en centros de traballo, exposicións e maratón de lectura, entre outros.

O Concello de Ferrol conmemora esta data baixo o lema «Un camiño percorrido, moito por percorrer» e cunha programación que contempla diferentes actividades ao longo de varias semanas. O acto central terá lugar este mércores, ás 20:00 horas, no Teatro Jofre coa entrega do premio Ferrolá do Ano á produtora local Chelo Loureiro.

O mesmo día, as 12:00 horas, a concelleira de Muller Saínza Ruiz participará na plantación de flores na pérgola do recordo no parque Raíña Sofía por todas as mulleres que foron vítimas da violencia machista. Con anterioridade, este martes inaugurouse a exposición ‘Dont worry man, I´m happy’ de Montse Gutiérrez na Casa da Muller.

O xoves 20 de marzo terá lugar unha marcha sufraxista para facer o percorrido de Ferrol en Feminino e as participantes irán con bandas con mensaxes sufraxistas. Sairá ás 18:00 horas o peirao de Curuxeiras.

Completan o programa unha serie de palestras sobre Muller e Saúde – o 9 de marzo-, Muller e Ciencia – o 16 de marzo-, Conversas abertas – o 21 de marzo- e Muller e Deporte -o 30 de marzo-. Todas elas serán na Cassa da Muller, agás a derradeira que será no Edificio Social, ás 19:00 horas.

O Foro Ferrol Vivo celebrará este 8 de marzo unha tertulia co titulo Mulleres sobre mulleres. A nosa vida en Ferrol. Será ás 11:00 horas en Lea Librería-café e pretende abordar a experiencia vital en Ferrol de mulleres diversas. Tamén en Ferrol, os traballadores de Navantia secundarán a convocatoria do Paro Internacional de Mulleres ás 12:00 horas na porta do Arsenal.

Narón

O Concello de Narón homenaxeará este mércores á Muller do Ano 2017 de Narón, un recoñecemento a unha muller da localidade pola súa traxectoria e cuxo nome se dará a coñecer no propio acto. Será no Concello ás 12:00 horas. Pola tarde, ao anoitecer, tamén se iluminará de cor malva a fachada do Pazo da Cultura.

Ademais, os locais agrupados na Asociación de Comerciantes de Narón repartirán entre a súa clientela unhas bolsas de papel coas compras co lema «Mulleres e homes por igual». Os actos continuarán na xornada do xoves coa presentación do libro Machismos: de micro nada, na Biblioteca municipal a partir das 19:00 horas.

O venres día 10 celebrarase no restaurante A Roldana a tradicional Cea da Muller e a última das actividades programouse para o día 16 de marzo no Centro Cívico Social da Gándara. A partir das 18:00 horas dará comezo un obradoiro informativo, sobre o Servizo de atención psicolóxica para vítimas de violencia de xénero.

A agrupación socialista de Narón celebrará tamén esta data coa lectura dun manifesto e unha ofrenda floral no monumento adicado á muller, na Gándara. Será ás 18:horas e fan un chamamento á participación e a levar un caravel vermello para depositar na ofrenda.

Fene, Mugardos, San Sadurniño e As Pontes

O Concello de Fene conmemorará esta data co XVI Maratón de Lectura Fene Lendo Mulleres. A actividade terá lugar na Biblioteca Municipal Pérez Parallé, na Casa da Cultura de Fene, en horario de 9:00 a 14:00 horas coa participación do alumnado do municipio.

Xa pola tarde, ás 19:00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, terá lugar o acto A Muller no Deporte. Estereotipos de Xénero. Unha mesa de experiencias e debate na que participarán mulleres deportistas de diferentes ámbitos, como o fútbol, atletismo, rallie, rugbi e baloncesto.

As concelleiras que integran o equipo de goberno do Concello de Mugardos sumaranse ao Paro Internacional Feminista que se desenvolverá en 40 países de todo o mundo este 8 de marzo, de 12:00 a 12:30 horas. Así mesmo, as edís respostarán á chamada internacional para non consumir e non realizar coidados durante esa xornada. En San Sadurniño tamén secundarán o paro, ao igual que en Fene.

En As Pontes celebrarán este 9 de marzo coa lectura dunha declaración institucional ás 12:00 horas no salón de plenos e unha conferencia sobre a represión sobre as mulleres tras o Golpe de Estado do 36, a cargo de Montse Fajardo, ás 19:00 horas, no mesmo lugar. Ademais, se inaugurará a exposición Do Gris ao Violeta situada nos corredores da Casa Dopeso.

Ares, Valdoviño e Mañón

O Concello de Ares organiza para este venres día 10 de marzo unha marcha de Mulleres, que dará comezo ás 17:00 horas no Parque Rosalía, e á que se poderán unir todos aqueles que o desexen. Chegarán ás 17:30 horas á Praza da Consitución na que se celebrará un acto conmemorativo.

As asociacións de mulleres de Ares, as mozas da escola municipal de danza ou as mulleres dos obradoiros de memoria serán as protagonistas da xornada con actuacións e exposicións dos seus traballos.

O Concello de Valdoviño en colaboración co movemento asociativo celebrará unha gala na que as testemuñas en primeira persoa, o teatro, a música e os monólogos serán os protagonistas. Terá lugar o sábado 11 de marzo, no auditorio da Casa da Cultura. Dará comezo ás 18:00 horas e a entrada é de balde.

A gala estará presentada pola veciña María Teresa Pérez Picos, da parroquia de Loira, e arrancará coa representación da obra Romeiros a Santo André, a cargo do grupo de teatro Rosalía de Vilaboa. De seguido, tomarán a palabra Evangelina Hermida Vergara e Vicente Aneiros Martínez, que baixo o título Vidas co mar, relatarán as súas vivencias acompañados das cantareiras Algarabía de Lago.

Isabel Risco, coñecida actriz da TVG, porá o broche de ouro á gala co seu monólogo Nabiza girl. Así mesmo, nesta mesma xornada inaugurarase a mostra Empoderamento da Muller, quedando a exposición do público ata o próximo 31 de marzo.

Co gallo do 8 de marzo, Día da Muller, o Concello de Mañón presentará este domingo o libro As miñas fillas devolvéronme a vida de Inés Fernández Lamela. Será ás 18:00 horas na sala do Concello. O libro conta a experiencia desta muller que sufriu violencia de xénero durante anos.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies