Home / Cultura / Cine / Rotundo éxito do II Chanfaina Lab

Rotundo éxito do II Chanfaina Lab

O público encheu a casa da cultura de San Sadurniño (cedida)
O público encheu a casa da cultura de San Sadurniño (cedida)

FERROL360 | Luns 15 febreiro 2016 | 17:00

A segunda edición do Chanfaina Lab congregou este sábado a 150 persoas na Casa da Cultura de San Sadurniño para ver a veintena de curtas participantes no proxecto. Unhas curtas que ofrecen miradas sobre San Sadurniño e a súa xente a través da ficción, o documental e as reflexións experimentais sobre a paisaxe.

O alcalde, Secundino García, foi o encargado de abrir o evento cun agradecemento aos impulsores do proxecto e ás persoas artífices das curtametraxes. García salientou que o Chanfaina «é unha aposta polo cine galego e polos seus creadores e creadoras» e destacou o valor da iniciativa, que ofrece «unha mirada sobre San Sadurniño desde outra perspectiva e outros ollos».

O principal artífice do Chanfaina, o profesor e académico do audiovisual Manolo González, fixo unha presentación contextualizada dunha experiencia cociñada «como todos os pratos na cociña tradicional» sobre un trespés. González botou man da metáfora da trepia para falar dos tres piares que sustentan o proxecto.

O primeiro, os e as cineastas que «dun xeito libre decidiron apostar por pasar connosco unha fin de semana e gravar o que considerasen oportuno, asumindo en moi pouco tempo un reto moi difícil». A segunda pata foi para González o Concello «e o seu equipo de xente» por apoiar a iniciativa e, por último, o terceiro fundamento foron os propios veciños e veciñas das parroquias do municipio. «A terceira pata do trespés sodes vós, a xente que abre as súas casas para deixar entrar as cámaras».

O coordinador do Chanfaina Lab asegurou que nas curtas «saen máis de 120 persoas de San Sadurniño», unha cifra que dá idea da implantación da proposta malia a súa xuventude.

Proxeccións

A continuación, comezaron os dous bloques de proxeccións precedidos por unha sinopse de cada un dos creadores. Desde o escenario puideron escoitarse as impresións de xente premiada e experimentada no audiovisual, pero tamén as de xente que se adentraba por primeira vez nun mundo novo con ilusión e enormes ganas de contar.

A festa do cine local durou máis de tres horas e desde este venres as curtas do Chanfaina Lab subiranse á canle de youtube do proxecto. Ademais, boa parte das pezas iniciarán agora o seu percorrido por festivais, congresos e certames de dentro e fóra de Galicia.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies