Home / Actualidad / Rumbo ao #24M: diario deste domingo e axenda do luns

Rumbo ao #24M: diario deste domingo e axenda do luns

FERROL360 | Domingo 17 maio 2015 | 22:36

Só unha semana. Sete días para que saibamos, a estas mesmas horas, quen vai ocupar as alcaldías da comarca. Polo de agora, as axendas dos candidatos seguen a roubarlle tempo ao sono, con cinco xornadas por diante para pedirlles o voto.

En Ferrol360 volo contamos a diario e isto foi o que deu de si a xornada deste domingo, pero tamén os actos que teñen previstos para este luns.

FERROL

PP

O candidato á Alcaldía da cidade, José Manuel Rey Varela, propuxo a creación dunha rede de museos en Ferrol coa finalidade de ofrecer unha ampla oferta cultural e de ocio a veciños e turistas: «Ferrol ten potencial para atraer a milleiros de turistas, como se comprobou nos últimos anos. Hai que seguir no camiño de converter a cidade nun referente turístico de primeira orde, e polo tanto, ampliar a nosa oferta en materia de turismo».

Deste xeito anunciou a creación dunha rede de museos na cidade que complemente a oferta de ocio que xa ofrece Ferrol a día de hoxe. A rede xirará ao redor de catro eixos fundamentais como a Sociedade Galega de Historia Natural, o museo da Semana Santa, Exponav e máis a promoción do Camiño Inglés.

Este luns, os populares farán un reparto informativo en Caranza ás 12:00 horas. Ás 13:00 horas haberá un acto sectorial con entidades sociais no que participará a conselleira de Traballo, Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela, no Parador de Turismo.

Ás 21:30 horas, Rey Varela terá un encontro veciñal na SRD Portuarios.

Ferrol en Común

Este domingo a candidatura de esquerdas quixo poñer o foco na «crítica situación do comercio local, con aproximadamente 700 comercios fechados na cidade desde 2010».

Critican as medidas tomadas polo goberno local e propoñen prohibir o uso do chan público para centros comerciais, dinamizar os mercados, habilitar unha oficina de comercio para crear unha bolsa e locais baleiros e incentivar fiscalmente o aluguer e impulsar microcréditos a través da banca ética para fomentar o emprendemento.

PSOE

Beatriz Sestayo transmitiu este domingo en Ferrol Vello o seu compromiso co impulso da demanda de que o Día das Letras Galegas recoñeza a figura do ferrolán Ricardo Carvalho Calero, na rolda de prensa que realizou precisamente na Praza Vella, na que estivo acompañada dos membros da súa candidatura. Posteriormente, participou nos actos desenvolvidos en Canido pola plataforma “Queremos galego”.

A posta en valor da figura de Ricardo Carvalho Calero se fará en primeiro lugar mediante a recuperación da súa casa natal, para que sirva de punto de partida dun proxecto cultural máis amplo, que suporá a dinamización da literatura e das letras. Así mesmo, se realizará un certame de poesía con vocación de certame de referencia que sirva para estender non só a figura de Carvalho senón de todos os ilustres literatos ferroláns.

As medidas de dinamización sociocultural entroncarán co proxecto de rehabilitación do barrio de Ferrol Vello que propón o Partido Socialista. Se sustenta sobre varios eixos, como son a rehabilitación de vivendas, a mellora dos espazos públicos e de servizos, e a creación dun albergue de peregrinos nalgún dos edificios que se atopan en peor estado.

Este luns ás 10:30 horas os socialistas farán un reparto informativo en Santa Mariña e ás 17:30 horas Sestayo terá unha xuntanza coa asociación de mulleres Amistad.

BNG

Iván Rivas, candidato do BNG-Asembleas Abertas á alcaldía de Ferrol, indicou este domingo nun acto celebrado en Ferrol Vello, que o principal problema dos barrios históricos da cidade de Ferrol é «o abandono ao que estiveron sometidos durante anos» e comprometeuse a recuperalos mediante o desenvolvemento dunha política que incremente os investimentos en rehabilitación de vivenda publica e desenvolvendo axudas mediante a modificación das ordenanzas fiscais que permita que a xente poida acometer proxectos e obras de recuperación e rehabilitación das súas vivendas. Así mesmo comprometeuse a recuperar a vivenda de Carvalho Calero e convertela na “Casa da historia e da literatura”.

O BNG fixo un pequeno repaso a situación do emprego na cidade e destacou o fracaso que supuxo para a cidade o denominado “Plan Ferrol”, plan que o BNG cuestionou desde a súa constitución, e considera preciso a creación na cidade por parte das Administracións central e autonómica dun órgano de diversificación dotado cos medios materiais, financeiros e de persoal coa cualificación necesaria para atraeren, co apoio desas administracións, proxectos empresariais que realmente se convertan en empresas concretas e solventes e que obedezan á produción de bens e servizos con posibilidades reais de mercado.

Ciudadanos

A formación laranxa comezou o seu tour de mitins exprés en Ferrol e Narón. A candidata ferrolá, Ana Masafret, fixo o propio no Inferniño e o candidato naronés, Hugo Boo, en A Gándara.

A agrupación dispón dunha carpa laranxa e dun equipo de megafonía que percorrerá ambas cidades ofrecendo pequenos mitins, onde intervirán membros das candidaturas.

NARÓN

PSOE

Ás 10:00 horas, mesa presencial coa candidata Catalina García e demais membros da candidatura na que falarán coa veciñanza para coñecer as súas demandas e, ao mesmo tempo, explicarlles as propostas socialistas para o municipio. A mesa estará ubicada entre o Concello de Narón e o centro de saúde.

Ás 18:00 horas trasládase a mesa á Gándara.

BNG

O candidato do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas de Narón, Pablo Villamar, asegurou este domingo nos actos públicos do Alto e de Xuvia que «non foi o BNG o que aprobou que foran as veciñas e os veciños da zona urbana de Narón quen asumisen os custes das obras do saneamento».

Villamar lembrou que a construción desta infraestrutura é clave para o municipio, mais explicou que é una obra de interese xeral e que, polo tanto, lle corresponde ao Estado o seu financiamento íntegro: «Nós votamos en contra de que sexa a veciñanza de Narón a que a partir do vindeiro ano se faga cargo do custo do saneamento; outros non poden dicir o mesmo».

TEGA

Terra Galega celebrou hoxe en Narón mitins nas parroquias de Pedroso e San Xiao. O local da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, de Pedroso, acolleu a primeira das sesións, que comezou ás 12:30 horas e na que participaron, ademais do candidato á Alcaldía por TEGA, José Manuel Blanco, o secretario xeral do partido, Guillermo Sánchez Fojo, e dúas integrantes da candidatura pola parroquia, Beatriz Couce e María Díaz.

O candidato de Terra Galega, José Manuel Blanco, explicou aos asistentes que está pendente a ampliación da rede de alcantarillado na zona da Portela, unha intervención que depende da Xunta –da incorporación dos remanentes necesarios para facer a obra- e que continuará por terreos de San Sadurniño. Blanco comprometeu en Pedroso o mantemento do apoio á Sociedade A Pombiña e tamén o inicio dos traballos de recuperación da reitoral de Pedroso.

No segundo dos mitins da xornada de hoxe, en San Xiao, acompañou a Blanco e Sánchez Fojo a número dous da candidatura, Marián Ferreiro. O candidato de TEGA subliñou que, en referencia ás obras realizadas en San Xiao, nos últimos catro anos se investiron case 300.000 euros, que permitiron executar varias actuacións do Plan de Obras e Servizos e un parque infantil e outro biosaudable.

Este luns TEGA terá un mitin no local social da Gándara ás 21:00 horas, pero antes, membros da candidatura farán un percorrido informativo polo barrio.

PP

Os populares terán un mitin este luns en Pedroso, no local da Pombiña ás 20:00 horas, con Miguel de Santiago, Hipólito Fariñas e Juan Pouso.

Un comezo de semana tranquiliño logo dun domingo «frenético» que comezou coa lectura social en Piñeiros co gallo do Día das Letras Galegas. Continuou cun acto con mozos, un coloquio cos veciños en Virxe do Mar, un percorrido de caza no Trece, outro coloquio no Couto e, para rematar, unha xuntanza cos veciños de Doso.

«Tenemos que recuperar y poner en valor el patrimonio histórico de Narón, empezando por el Monasterio del Couto. No pueden venir otros aquí a prometer cosas que nunca hicieron» dixo aos veciños do Couto.

No Trece, falou da feira: «Si ganamos vamos a proceder a la regeneración integral de la Feria del Trece, vamos a potenciar que los emprendedores puedan desenvolver y buscar nuevas oportunidades de negocio dentro del ámbito rural».

Esquerda Unida

Terá este luns un acto no local de Castro ás 20:00 horas, con André Abeledo, Marisa Agra e Argemiro Montero, para presentar o seu programa en materia de iniciativas para o rural.

ORTIGUEIRA

PP

Os populares ortegans apostan por dotar ao Concello dun servizo online de emprego: «El portal web incluirá servicios adicionales al de la bolsa de empleo, como un registro de negocios que se traspasen y locales comerciales vacíos».

Para este luns o candidato do PP, Rafael Girón, estará nun mitin ás 21:00 horas no centro sociocultural Libro Vivo de San Claudio.

ARES

PP

A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, apoiará á candidata aresá, Fina Martínez, nun mitin en Alianza Aresana ás 20:15 horas.

AS PONTES

Xunt@s por As Pontes

Xunt@s por As Pontes desenvolveu este sábado na Casa Dopeso o seu acto público central desta campaña das municipais 2015.

Nas intervencións explicouse como foi a creación do proxecto e foise desgranando o programa que aparece publicado na súa web
www.xuntosporaspontes.com. Nas diferentes intervencións expuxéronse as propostas para os ámbitos de participación e transparencia, cultura e patrimonio, desenvolvemento sostible, emprego e servizos públicos.

Despois destas intervencións, convidouse aos asistentes a escribir nun cuestionario entregado ao inicio, as preguntas que quixesen que respostase a candidata, Jéssica Fernández Polo.

Para pechar o acto interveu o poeta Aníbal Ánxel e os candidatos Rusbel Bouza e María Chao interpretaron a dúo co saxofón e gaita Gràndola Vila Morena e Bella Ciao.

Publicidad

Banner parque ferrol

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies