Home / Ferrol / San Sadurniño / San Sadurniño abre o prazo de inscrición para participar na Aldea de Verán

San Sadurniño abre o prazo de inscrición para participar na Aldea de Verán

FERROL360 | Luns 1 xuño 2015 | 20:06

O Concello de San Sadurniño oferta 35 prazas para o programa Aldea de Verán, no que poderán participar cativos de entre 3 e 12 anos. Esta actividade, que desenvolverase nos meses de xullo e agosto, busca conciliar a vida familiar e laboral das familias do municipio. O horario global é de 8:00 a 14:00 horas de luns a venres dividido en dúas quendas.

No programa terán preferencia as persoas empadroadas en San Sadurniño e en segundo lugar aquelas cunha vinculación laboral co municipio. As prazas dispoñibles están condicionadas pola demanda e idade dos nenos, xa que no horario de 8:00 a 10:00 horas só se ofertan 10-12 prazas.

As cotas mensuais varían en función do horario de entrada na actividade e do número de membros dunha mesma familia que se queiran inscribir, os prezos serán os seguintes: horario de 8:00 a 10:00 horas, 90 euros por un membro da unidade familiar, 60 polo segundo e 30 polo terceiro. No horario de 10:00 a 14:00 horas, 60 euros polo primeiro membro da familia, 40 o segundo e 30 o terceiro.

As matrículas poderán formalizarse en dous prazos e cómpre ter en conta que a selección se fará por orde de inscrición. O prazo de matrícula para o servizo durante o mes de xullo estará aberto do 1 ao 19 de xuño e no mesmo periodo tamén se poderá reservar praza para o mes de agosto pagando dous meses.

Só poderán pagar as familias que figuren empadroadas no concello, xa que son as que teñen preferencia. As de fóra terán que agardar a que lles confirmen antes a praza. Para inscribir os nenos na Aldea de verán durante o mes de agosto o prazo estará aberto entre o 1 e o 17 de xullo coas mesmas condicións que no caso anterior.

Concurso para bautizar á Escola Infantil Municipal

O Concello de San Sadurniño convoca un concurso entre as familias usuarias da Escola Infantil Municipal para poñerlle un nome. A administración local xa enviou unha carta aos usuarios coas bases do concurso, que rematará o día 12. O premio será unha lámina do artista gráfico Juan Luís Fernández. E tamén a satisfacción de terlle posto nome á escola.

O nome constará dunha frase composta por Escola Infantil Municipal seguida de ata un máximo de tres palabras. Cada familia poderá participar cunha única proposta en galego que deberá presentarse en sobre pechado e baixo pseudónimo. Ademais de buscar unha denominación tamén se deberá explicar brevemente o seu significado.

O último día para presentar os nomes é o venres da semana que vén. O fallo do concurso darase a coñecer o 26 de xuño, cadrando co acto de clausura do presente curso no que os nenos e nenas da unidade de 3 anos terán unha pequena festa de graduación.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies