FERROL360 | Mércores 3 decembro 2014 | 18:28
Todo listo na escola infantil municipal de San Sadurniño para iniciar a súa actividade, despois de que un equipo de inspección da Consellería de Traballo e Benestar dera o visto bo as instalacións. Así, as familias que desexen apuntar os seus nenos na escola poderán solicitar a prematrícula a partir do día 15.
Para inscribir os pequenos hai que enviar o formulario de solicitude ao correo eim.sansadurnino@gmail.com ou ben entregalo na propia escola os martes e xoves en horario de 10:00 a 13:00 horas e os mércores de 16:30 a 18:30 horas. Se algunha familia non pode entregar o formulario por esta vía, poden facelo no departamento municipal de Servizos Sociais e Igualdade.
O centro ofrece 38 prazas para nenos de entre 3 meses e 3 anos de idade distribuídas por unidades da seguinte maneira: 8 prazas para 0-1 anos, 13 prazas para nenos e nenas de 1 a 2 anos e unha terceira unidade con 17 prazas para idades comprendidas entre os 2 e os 3 anos. Para acceder á escola será necesario que a unidade familiar estea empadroada en San Sadurniño e só se admitirán solicitudes doutros municipios no caso de que haxa vacantes.
A escola infantil municipal de San Sadurniño funcionará de luns a venres cun horario máximo de 8:00 a 20:00 horas, nos que se poderá solicitar xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá, media xornada de tarde e unha xornada de 2 horas.
Ademais tamén existe a posibilidade de botar man de horas complementarias concertadas para todo o mes ou ben solicitar horas extraordinarias para un día concreto. O centro tamén ofrecerá servizo de comedor con almorzo, xantar e/ou merenda, así como actividades educativas complementarias e extraescolares.