ARY LÓPEZ | Mércores 19 xuño | 18:51
A Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psico-Sociais (Aspaneps) en colaboración co Centro de Día municipal, desenvolveu esta mañá en San Sadurniño o proxecto «Ponte no meu lugar: iguais pero diferentes».
O obxectivo desta iniciativa é fomentar a sensiblidade, a tolerancia e a solidariedade coas persoas que sofren algunha dificultade funcional. Este plan, que visita a vila por segundo ano consecutivo, desenvólvese desde o 2008 coa finalidade de acadar un maior grao de benestar social entre as persoas.
Deste xeito, Aspaneps achega aos alumnos e alumnas dos centros educativos da comarca charlas, xogos e proxeccións para entender o día a día dos colectivos con algún tipo de limitación física ou intelectual. Hoxe, o intercambio de experiencias realizouse con dúas xeracións que distan entre sí uns sesenta anos.
Algunhas das enfermidades que máis comunmente afectan ás persoas da terceira idade son o párkinson, a demencia senil ou a artrose. Os nenos e nenas de 6º curso do CPI de San Sadurniño percibiron o efecto que supón sufrir este tipo de doenzas. Cadeiras de rodas, bastóns ou máscaras foron algúns dos instrumentos empregados para levar a cabo pequenas tarefas cotiás.
Outra das probas que desenvolveu o persoal de Aspaneps foi avaliar a accesibilidade do entorno. Un pequeno roteiro pola vila serviu para comprobar se as sendas son acaídas para persoas con mobilidade reducida. Xavier Picos, educador social e coordenador deste proxecto, sinalou alternativas para facilitar o camiño a aqueles que posúen algún tipo de dificultade.Para Picos, o obxectivo último desta práctica é acadar o diálogo social, falar das doenzas como algo normal e, polo tanto, mellorar as relacións interxeneracionais. Ao fin, todos e todas nalgún momento das nosas vidas teremos minguadas as nosas facultades e agradeceremos que algúen se poña no noso lugar.
Calquera pode colaborar coa entidade -ubicada na Rúa Alegre nº6 baixo de Ferrol ou no Centro Ocupacional de Fene- ao traverso dunha cota mensual. Máis información, nos teléfonos: 981 300 370 / 981 359 570 ou visitando a súa páxina web: www.aspaneps.com