Home / Actualidad / San Sadurniño aproba a ordenanza que regulará as operacións de tala e depósito de madeira no municipio

San Sadurniño aproba a ordenanza que regulará as operacións de tala e depósito de madeira no municipio

FERROL360 | Luns 9 setembro 2013 | 12:46

O Concello de San Sadurniño celebrou o pasado sábado o pleno ordinario correspondente ao mes de setembro. Os seis puntos da orde do día desenvolveron, entre outras cousas, a creación dun ficheiro de datos referido ás cerimonias de acollemento civil, a aprobación inicial da ordenanza de saca de madeira e a determinación das festividades locais do ano que vén. Todos eles, xunto á acta da sesión anterior, foron aprobados por unanimidade polos tres grupos -BNG, PSdeG-PSOE e PP- que forman a corporación municipal.

A ordenanza

O punto que centrou a maior parte da sesión plenaria foi o relativo á ordenanza que regulará a actividade extractiva de madeira. Segundo o BNG, esta normativa «é froito da negociación con todos os concellos da bisbarra» para garantir a seguridade do tráfico e intentar solucionar os danos que se producen en pistas e outros bens públicos. Dende o goberno municipal explican que hai xa tres anos se intentou chegar a un acordo coas empresas do sector, pero que non se cumpriu satisfactoriamente. Por este motivo, diferentes concellos da zona redactaron unha normativa que crea un rexistro de empresas forestais. Estas deberán comunicar previamente as cortas que vaian facer, onde as van a executar e o seu volume estimado. Deberán, ademais, depositar unha fianza que varía dependendo dos metros cúbicos que estea previsto cortar. A contía devolveráselle ás empresas forestais tan pronto como o Concello comprobe que non se produciron danos en bens públicos ou, se se produciron, que xa foron subsanados pola propia empresa.

A ordenanza entrará en vigor un mes despois da súa publicación no BOP (Foto: Concello de San Sadurniño)

A ordenanza entrará en vigor un mes despois da súa publicación no BOP

PSdeG-PSOE e PP cualificaron de «necesaria» a ordenanza e mostraron o seu apoio ao documento, non sen antes poñer enriba da mesa varias cuestións. Os dous grupos da oposición interesáronse por como vai controlar o Concello o cumprimento da norma e supervisar o estado das vías públicas antes e despois dos traballos de extracción forestal. Ademais, o voceiro do PP, Plácido López, sinalou que o texto pode ser unha carga para as pequenas empresas, mentres que o PSdeG-PSOE expresou o seu temor porque a ordenanza poida repercutir á baixa no prezo que as empresas lle vaian pagar pola madeira aos propietarios dos montes. O alcalde, Secundino García, respondeu que a ordenanza non crea unha taxa sobre a extracción de madeira, polo que as empresas forestais non poden engadirlle un sobrecuste aos produtores. Ademais, o equipo de goberno lembrou que aquelas cortas inferiores a 20 metros cúbicos quedan fóra do ámbito da ordenanza por entender que se fan para uso doméstico e non comercial.

O socialista Fernando Márquez puntualizou tamén que, antes de aplicar a ordenanza, o Concello debería intervir nas pistas municipais para deixalas en bo estado e poder esixir responsabilidades posteriormente no caso de que as empresas madeireiras as volvan estragar. O equipo de goberno aclarou que a ordenanza esixe a volta dos camiños e cunetas «ao seu estado orixinal».

A normativa, en trámite de exposición pública, entrará en vigor automaticamente un mes despois da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, sempre que non se presenten alegacións.

Festividades locais

A corporación municipal aprobou tamén por unanimidade os días festivos correspondentes ao ano 2014. Serán o 4 de marzo, Martes de Entroido, e o mércores 2 de xullo, cando se celebra a patroa, Santa Isabel.

Mocións e preguntas

O grupo municipal do BNG presentou unha moción por vía de urxencia referida á intención da Consellería de Educación de reagrupar nunha única clase aos 26 nenos e nenas de 5 anos de educación infantil. O texto da moción insta á Xunta a que envíe un docente a maiores, reclamando que se desdobre o curso en dúas clases. Os tres grupos votaron a favor.

O PP preguntou por un escrito presentado por Rexistro que, tal e como sinalou o alcalde, xa foi respondido e enviado ao voceiro popular. O grupo socialista preguntou polo caso dun veciño de Naraío que lle solicitou ao Concello o importe de reparación dunha roda que, segundo asegura, quedou danada nunha fochanca na zona de Campolabrado. Tanto o goberno como o secretario municipal sinalaron que o Concello non pode pagar o arranxo por non existir relación causa-efecto entre a fochanca e os danos ocasionados. Fernando Márquez interesouse tamén pola data en que estará dispoñible a documentación referida ao PXOM. O alcalde respondeu que, segundo lle indicou a empresa redactora, a documentación estaría dispoñible ao longo deste mes de setembro.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies