Home / Actualidad / San Sadurniño aproba os prezos da escola infantil e o primeiro convenio colectivo do Concello

San Sadurniño aproba os prezos da escola infantil e o primeiro convenio colectivo do Concello

FERROL360 | Sábado 6 setembro 2014 | 18:15

O pleno de San Sadurniño celebrado este sábado deu luz verde á ordenanza que regula os prezos da futura escola infantil, así coma o primeiro convenio colectivo para o persoal laboral municipal. Estes foron os dous puntos máis relevantes dun pleno no que tamén se debateron mocións relativas á modificación da lei electoral, unha do PP e outra do BNG, e á reclamción á Xunta para que solucione os problemas de masificación dunha das liñas de primaria do CPI.

En canto á ordenanza das taxas dos servizos da futura escola municipala, as contías que se reflicten no plan de viabilidade son 50 euros anuais en concepto de matrícula, 197 euros mensuais por xornada completa de oito horas, 120 unha media xornada e, por último, a atención durante dúas horas pola tarde fixaríase en 75 euros ao mes.

As horas extras que se soliciten por un período mensual terían un prezo de 25 euros, mentres que as empregadas puntualmente -días soltos- establécense en cinco euros. No tocante á alimentación dos nenos, o custo mensual do almorzo serían 30 euros, 85 o xantar e 30 euros a merenda. Os días soltos de comedor, segundo a proposta da ordenanza, quedarían fixados en 4,50 euros.

Unhas taxas «competitivas e accesibles» que «garanten a viabilidade económica dunha escola infantil pola que levamos agardando oito anos», dixo o voceiro nacionalista Suso Soto. A oposición apoiou o servizo pero criticou a ordenanza. Así, o socialista Fernando Márquez asegurou que as cotas son «inxustas e excesivas» porque se deberían recoller reducións adaptadas ao nivel de renda das familias. Na mesma liña se manifestou o PP, para quen o centro debería estar subvencionado.

O goberno municipal aclarou que haberá «axudas para as familias que o necesiten» e que elixiron os prezos máis baixos conforme ó plan de viabilidade. «Quereriamos que a escola fose gratuíta, pero a Xunta non nola deixaría abrir porque daría perdas», afirmou o alcalde Secundino García. A ordenanza saiu adiante cos votos favorables do BNG. PP votou en contra e o PSOE abstívose.

Convenio colectivo

No caso do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello saiu adiante cos votos do BNG e PSOE, mentres que o PP volveu absterse. Soto explicou que se trata dun convenio «beneficioso para todas as partes» e que é resultado dun ano de negociacións no que se mantiveron case unha decena de xuntanzas entre o goberno e a representación laboral.

Márquez mostrou o seu apoio ao acordo alcanzado e mostrou a súa confianza en que o informe negativo da secretaría municipal nalgúns puntos non impida a súa entrada en vigor. O PP explicou a abstención precisamente por iso, polo feito de que parte do articulado conte con informes desfavorables do secretario do Concello.

Entre os asuntos de trámite, a orde do día incluiu o prace definitivo á desafectación de parte do antigo edificio consistorial para cederllo á Garda Civil. Tamén se elixiron os días que serán festivos locais en 2015. Volven ser o Martes de Entroido e Santa Isabel, aínda que neste caso pasouse a festividade local para o día 3 de xullo por cadrar en venres.

O pleno de San Sadurniño celebrouse na mañá deste sábado (foto: Concello de San Sadurniño)

O pleno de San Sadurniño celebrouse na mañá deste sábado (foto: Concello de San Sadurniño)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies