Home / Cultura / Cine / San Sadurniño celebra a semana das Letras Galegas con numerosos actos culturais

San Sadurniño celebra a semana das Letras Galegas con numerosos actos culturais

FERROL360 | Luns 16 maio 2016 | 9:05

San Sadurniño inicia este luns o programa de actividades que se enmarcan na conmemoración do Día das Letras Galegas.

O Concello organizou nesta semana diversos actos poéticos, musicais e audiovisuais para, por unha banda, «reivindicar a figura de Manuel María e, da outra, a cultura e a lingua á que el mesmo se debeu ata a súa morte no 2004».

A primeira destas citas será un café poético da man do colectivo Alalá das Pontes, que terá lugar hoxe na Biblioteca Municipal a partir das 18:00 horas. O evento está aberto a toda a cidadanía interesada en achegarse ao poeta da Terra Chá escoitando anacos dos seus poemas ou implicándose na lectura dalgún fragmento da súa obra.

O mércores desenvolverase a iniciativa ‘Contando en feminino’. A asociación cultural Lisístrata narrará contos desde a perspectiva de xénero co obxectivo de concienciar ao público infantil sobre a igualdade. Daráselle unha volta ás historias de sempre dun xeito divertido, ofrecendo finais alternativos e sorprendentes nos que a muller asume o rol que lle corresponde.

Ás 12:00 horas do sábado terá lugar na Casa do Concello un concerto das escolas municipais de música tradicional, que interpretarán algunhas das pezas musicadas de Manuel María xunto con outras tradicionais. E pola tarde, ás 18:00 horas a Casa da Cultura exhibirá Cantando a Manuel María, unha peza de Gonzalo E. Veloso -participante na última edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab-. O director expón a súa visión sobre a figura do autor botando man da conversa con amizades e persoas que tiveron relación con el. A entrada é gratuíta.

Xa por último, a Asociación Veciñal O Castelo de Narahío organiza o domingo unha viaxe cultural á casa-museo da Fundación Manuel María, situada en Outeiro de Rei. A excursión será gratuíta para os socios desta entidade e os que non o son deberán pagar 10 euros, un prezo que inclúe o traslado e a entrada ao museo con visita guiada incluída. Para participar nesta viaxe hai que chamar antes do día 19 aos teléfonos: 626 563 869, 619 805 061, 981 490 302, ou enviar unha mensaxe ao Facebook O Castelo de Narahío.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies