FERROL360 | Luns 1 xullo 2013 | 16:40
A vila de San Sadurniño gozará entre este martes e o mércores da festividade na honra a Santa Isabel. Este luns, ás oito do serán, na igrexa, lerá o pregón o sacerdote Xosé Francisco Delgado, párroco de Ferrol. A continuación, actuará a rondalla Vila das Pontes.
Para o martes, está previsto que desde primeira hora se realice un pasarrúas da charanga Os Campantes da Baña. Xa na sesión vermú, ás dúas da tarde e logo dos tradicionais actos relixiosos, actuará o grupo Fania Blanco Show, que repetirá pola noite na verbena, seguido da Orquestra Panamá.
O mércores tamén haberá misa e procesión desde a unha da tarde. Logo será o turno para a agrupación Xente Nova, quen porá a música tanto no encontro festivo do mediodía como no da noite, actuando así ás 14:00 e ás 22:00 horas.
Aldea de Verán 2013
Este luns comezou no colexio público o programa para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, ‘Aldea de Verán’, organizado polo Concello e cofinanciado pola pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo.
Os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos poderán participar neste espazo socioeducativo durante os meses de xullo e agosto, de luns a venres. Aínda que este martes é festivo local en San Sadurniño, o programa ‘Aldea de Verán’ acollerá dúas actividades do programa LecerConsumo da EGC (Escola Galega de Consumo/Instituto Galego de Consumo).