Home / Actualidad / San Sadurniño celebra unha numerosa sesión plenaria e de gran transcendencia social

San Sadurniño celebra unha numerosa sesión plenaria e de gran transcendencia social

FERROL360 | Sábado 7 marzo 2015 | 19:28

San Sadurniño celebrou esta mañá o pleno ordinario do mes de marzo, unha sesión caracterizada pola grande afluencia de público e unha relevante transcendencia social. Dos oito puntos incluídos na orde do día, os dous primeiros foron os habituais de trámite. O terceiro punto foi o da modificación de crédito para traspasar unha cantidade para poder sacar a contratación os traballos de demolición dunha vivenda cifrados en algo máis de 94.000 euros. O alcalde, Secundino García, iniciou a súa intervención agradecendo «o xesto espontáneo de toda a xente» que asistiu á concentración previa en solidariedade coa familia afectada polo derrubamento da súa vivenda. Casal sinalou que «nun estado de non queda máis remedio que cumprir as sentencias xudiciais que son firmes e iso implica tomar decisións que a un goberno non lle gusta tomar». O rexedor recoñeceu que abordar este punto da orde do día era «a decisión máis difícil que ten que tomar un alcalde e un goberno municipal».

O PP anunciou o seu voto contrario contra a modificación de crédito por considerar que a partida correspondente «xa debera ter ido nos orzamentos municipais», lembrando ademais que o seu grupo alegou contra as contas municipais de 2015. Plácido López acusou ao alcalde daquela «de poñerse con nosoutros coma se quixéramos tirar a casa» e criticou que se contratase unha asesoría xurídica «por 30.000 euros» para levar o asunto logo de que «o alcalde tivese sete anos e medio para chegar a un acordo neste tema». López asegurou que «a oposición fixo unha pregunta pola contratación dun asesor xurídico e o alcalde dicíanos que gracias ao asesor ese tema estaba zanxado».

Pola súa parte, o representante do PSdeG-PSOE, Fernando Márquez, manifestou o seu desacordo coa modificación por ter unha finalidade «tan dramática e vergonzosa, unha polos intereses do Concello e outra polos intereses dos propietarios que sen comelo nin bebelo están nunha situación lamentable». Márquez dixo que a xestión municipal do asunto «non foi axeitada» e que os sucesivos gobernos municipais «non fixeron o suficiente». O portavoz municipal dos socialistas criticou que o goberno «non se dirixise á oposición para falar deste tema» e rematou instando a Secundino García a que dimitise, ofrecéndose el mesmo a facelo se o rexedor tomase esa decisión.

O alcalde criticou que se intentase empregar «a demagoxia máis torticeira nun caso dramático». García lembrou que «no ano 2008 Fernando Márquez gobernaba en coalición con nós pero non se me ocorriría culpalo desta situación, como tampouco se me ocorre culpar ao goberno que concedeu a licencia en 2002, que seguramente o fixo coa mellor intención». Con todo, García anunciou que «no momento que corresponda, se ao final hai que derrubar a vivenda, o Concello terá que esixir responsabilidades, pero mentres non chega ese momento temos que seguir os pasos que hai que dar porque temos que acatar unha sentenza».

O rexedor local tamén amosou a súa sorpresa ante o voto en contra do PP e considerou a súa postura acaída «ás portas dunhas eleccións municipais». Sobre o asunto da asesoría xurídica o alcalde explicou que o concello contratou un avogado porque, na súa opinión, «o concello non se defendeu correctamente» nos últimos anos, puntualizando que a asesoría xurídica «estivo dando pasos intentando unha solución». Por último, García manifestoulle a Márquez que non tiña intención de dimitir por considerar «que o goberno municipal ten a razón e porque ninguén dos que estamos aquí temos responsabilidades nisto».

San Sadurniño celebrou un pleno caracterizado pola afluencia de público e unha relevante transcendencia social (foto: Concello de San Sadurniño)

San Sadurniño celebrou un pleno caracterizado pola afluencia de público e unha relevante transcendencia social (foto: Concello de San Sadurniño)

Mocións aprobadas por unanimidade

O pleno tamén debatiu mocións que saíron adiante por unanimidade. A primeira foi a relativa á inclusión de cláusulas sociais nos contratos de obra pública que suscriba o Concello. Trátase dunha moción que inclúe unha ducia de medidas, que foron defendidas por un representante do sindicato CIG, como: puntuar máis aquelas propostas de empresas que respecten os convenios colectivos dos seus traballadores e traballadoras, o cumprimento de horarios e condicións laborais, a ausencia de subcontratas, así como primar aquelas que fomenten a integración da muller e de persoas con discapacidade.

A segunda moción referiuse á declaración institucional co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O grupo de goberno sumouse ao texto proposto pola FEMP e a FEGAMP. Unha decisión que contou co apoio de PP e PSdeG-PSOE. En relación coa igualdade o pleno tamén lle deu o visto e prace á moción presentada polo Partido Popular referida á demanda de medidas que favorezan a situación e a integración da muller na vida deportiva.

Por último, a sesión abordou a situación dos enfermos e enfermas de hepatite C por medio dunha moción do BNG na que se demanda a achega urxente dos antivirais para tratar esta doenza. A moción defendida polo bloque contou coa intervención de dúas persoas pertencentes á plataforma galega de afectados pola enfermidade, quen sinalaron que nestes momentos hai 40.000 persoas co problema e que «moitas delas non o saben». Ámbolos dous pediron que a medicación «chegue a todos» e que se faga de forma inmediata posto que «hai xente que está morrendo».

Publicidad

Banner Plan de Igualdade do Concello de Ferrol

Sobre Ary López

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies