FERROL360 | Sábado 24 xuño 2017 | 14:15
Un total de 64 postos participarán este domingo no primeiro mercado local do verán de San Sadurniño. Haberá postos con alimentos frescos e elaborados, produtos de artesanía, roupa, ferrallada antiga, libros, discos e outros obxectos de segunda man.
O mercado abrirá as súas portas ás 10:00 horas ao redor dos sendeiros do parque situado detrás da casa consistorial. Na metade oeste situaranse os postos de froitos da terra, produtos frescos e alimentos transformados, ademais dun viveiro de comercialización de planta e flor.
A parte central resérvase para a artesanía, que continuará polo sendeiro situado ao leste dos xardíns mesturándose coa oferta de segunda man. O mercado local de San Sadurniño ten como obxectivo favorecer a comercialización dos produtos de calidade da comarca, na liña de que o maior valor engadido quede nas explotacións.
Ademais, coincidindo coa cita, o Concello tamén organizou unha nova edición da ruta cicloturística en familia, que sairá ás 11:00 horas do colexio público. As inscricións poden facerse ata uns minutos antes da saída.
A ruta está aberta a persoas maiores de sete anos e ademais da bici é obrigatorio o uso de casco. O itinerario prevé chegar até a capela da O, en Pedroso, onde haberá un punto de avituallamento. Desde alí volverase para San Sadurniño.