Home / Actualidad / San Sadurniño e Deputación asinan un acordo de 85.000 euros para equipar a escola infantil do municipio

San Sadurniño e Deputación asinan un acordo de 85.000 euros para equipar a escola infantil do municipio

ARY LÓPEZ | San Sadurniño | Venres 11 abril 2014 | 17:42

O presidente da Deputación de A Coruña visitou San Sadurniño este venres para formalizar xunto ao alcalde, Secundino García, o convenio que destinará 85.000 euros á posta en marcha da escola infantil.

Diego Calvo foi recibido no Pazo da Marquesa, un inmoble que nos próximos meses será a sede oficial do consistorio. O acordo asinado entre ámbalas dúas administracións é froito da demanda da corporación municipal e a achega provincial supón preto do 80 % do orzamento necesario para que a escola infantil sexa unha realidade.

Poderán rematarse as obras deste centro, situado na planta baixa do edificio anexo ao Pazo da Marquesa, que comezaron hai case un ano. A grandes trazos, a contía destinada a este espazo permitirá doutalo de iluminación, fontanería, calefacción, sistema contraincendios e un correcto illamento termo-acústico.

O desexo do consistorio é poñer en funcionamento a escola antes de que remate este ano, ofrecendo así o servizo educativo a un total de corenta nenos e nenas de entre cero e tres anos.

Pero, ademais, unha parte dese orzamento irá dirixido a acondicionar o exterior deste recinto, con tarefas como a adecuación dos xardíns, os accesos á contorna e habilitando unha área de ocio para os máis pequenos.

Diego Calvo destacou que, con anterioridade, o ente provincial «achegou fondos para a rehabilitación do Pazo da Marquesa» e que o seu esforzo agora está centrado en facer realidade unha escola infantil «coa que poderemos ofrecer ese servizo aos nenos e nenas de San Sadurniño e arredores».

Pola súa banda, Secundino García considera que este convenio facilitará a posta en marcha do centro educativo «no menor tempo posible» e ve na escola infantil «un recurso necesario» que permitirá a «conciliación da vida familiar e laboral para poder acceder ao mercado laboral».

O rexedor local tamén adiantou que o máis probable é que se decida sacar a concurso a xestión do centro para o curso 2014-2015.

Doble liña educativa en Infantil e Primaria

Dende o consistorio de San Sadurniño tamén informaron este venres que a Xunta de Galicia, finalmente, determinará a creación de dúas novas liñas en Educación Infantil e Primaria.

Tras unha inspección educativa, o organismo autonómico escoitou a demanda que a ANPA do CPI e o Concello viñan reclamando dende comezo de curso, amosando a necesidade de duplicar un par de aulas debido ao aumento no número de matrículas. Ademais, esta ampliación favorecerá a cinco alumnos que proceden do centro rural agrupado de Pedroso e no vindeiro curso poderán acudir ao colexio de San Sadurniño.

Diego Calvo e Secundino García asinaron este venres o convenio para equipar a escola infantil de San Sadurniño (foto: Ary López)

Diego Calvo e Secundino García asinaron este venres o convenio para equipar a escola infantil de San Sadurniño (foto: Ary López)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies