FERROL360 | Venres 16 xaneiro 2015 | 20:11
A Casa da Cultura de San Sadurniño acolle este sábado a exhibición dos proxectos audiovisuais creados no I Chanfaina’Lab, un encontro de cineastas de toda Galicia que se celebrou neste municipio na primeira fin de semana do pasado mes de setembro. O obxectivo desta iniciativa era retratar o territorio dando total liberdade creativa aos autores e limitando a duración de cada peza a uns cinco minutos. A tarefa obrigou aos creadores a documentarse en profundidade sobre o que, o quen, o cando, o como e o por que de San Sadurniño, para despois reflectir en imaxes as súas propias percepcións.
O resultado desta experiencia de creación audiovisual colectiva é tan variado como as diferentes miradas dos participantes. Hai traballos que se centran na memoria, na paisaxe, nas superficies e texturas do ceo e a terra, na historia fidalga, na ficción ou na ecléctica realidade do único bar-perruquería que queda no territorio. Narracións que nalgúns casos están protagonizadas por veciños e veciñas de San Sadurniño, ben mostrando parte da súa vida ou ben convertidos en actores e actrices capaces de sacar de si sorprendentes rexistros.
Algunhas das obras que se poderán ver mañá son: Café-Bar Santos Perruquería (Sonia Méndez), Balada Cover (Belén Montero e Juan Lesta), Sansa Soleil (Otto Roca), Madeira de Piñeiro e Nova Zelanda non quedaba tan lonxe (Brais Breijo e Dani Lema), E logo? (Mario Iglesias), Cartas da Conquista (Xurxo Chirro), Amar #01 (Pablo Portero e Fer Patiño) ou Solpor (Xacio Baño).
A cita dará comezo ás 18:30 horas, está aberta a todo o público e a ela acudirán gran parte dos participantes. Nas vindeiras semanas, todas as obras estarán dispoñibles na web falamedesansadurnino.org e na canle de Youtube do Concello de San Sadurniño.