FERROL360 | Xoves 31 marzo 2016 | 10:55
O fotoxornalista ferrolán Gabriel Tizón achega a San Sadurniño un dos seus máis recentes traballos, unha colección de imaxes titulada Delincuentes, froito da súa viaxe por Europa no contexto da crise das persoas refuxiadas. El e a súa cámara, na compaña da traballadora social Rocío Botana, foron quen de rexistrar a situación de centos de mulleres, nenas, nenos e homes, que se ven obrigados a cruzar o continente de leste a oeste en busca de protección e auxilio.
A mostra consta de 25 fotografías que recollen o traballo e a axuda das persoas voluntarias que botan unha man día a día nas costas gregas e que por este motivo, foron nalgúns casos detidas por facelo. En palabras de Gabriel Tizón, a exposición «mostra os voluntarios axudando os refuxiados en diferentes situacións, persoas que están a facer un labor imprescindible e que en moitas ocasións son multados, separados ou detidos simplemente por axudar e aliviar esta terrible situación».
A inauguración terá lugar este sábado ás 18:00 horas e poderá visitarse ata o próximo 6 de maio na galería da Casa do Concello de San Sadurniño.
Pero ademais, Tizón presentará ao público outros dous proxectos relacionados coa crise dos refuxiados. Un deles é o libro Muros, que mestura as fotografías con textos escritos polas propias persoas refuxiadas, relegadas a ser testemuñas silenciosas da súa problemática. Del, o seu autor manifesta que «todo o mundo é protagonista disto menos eles, Merkel coas súas decisións, Rajoy… pero non falamos deles e delas: quen son, como se chaman, que fan, que pensan». Tizón explica que o que máis lle impresionou «foi a súa calidade humana, a súa educación. A pesar das trampas que atopan no camiño aínda sorrín. Están pasando por todo tipo de barbaridades e cunha simple aperta xa lles chega para cargarse de enerxía».
Por outro lado, o fotoxornalista amosará o documental Lesbos, a illa que non flota, unha peza en branco e negro de 20 minutos de duración gravada nas costas da illa grega, un dos principais puntos de acceso a Europa e tamén un dos lugares que máis vidas leva cobrado.