FERROL360 | Venres 1 abril 2016 | 14:32
O Concello de San Sadurniño asistiu este martes á constitución dunha asociación sen fins lucrativos que ten como finalidade poñer en marcha os mecanismos necesarios para concorrer á xestión do programa Leader 2014-2020 para o desenvolvemento rural en Ferrolterra, Eume e Ortegal.
Baixo o nome de Seitura 22, a entidade nace da fusión dos colectivos Costa Noroeste e EuroEume e dela forman parte, polo de agora, 14 dos 22 municipios das tres comarcas e 44 asociacións. Estará presidida polo alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, acompañado na vicepresidencia polo máximo respresentante de Euroeume, Xosé Castro. O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, tamén participa nesta xunta directiva –ata agora, provisional– e que se renovará no prazo de dous ou tres meses.
Será no mes de xuño cando, tras o traballo de colaboración destas entidades, se elabore un plan estratéxico que defina as liñas de actuación que se queren financiar con cargo ao plan Leader. O programa achegará uns 4 millóns de euros dos que poderán beneficiarse unicamente as zonas rurais dos concellos de Miño, Vilarmaior, Monfero, Pontedeume, Cabanas, A Capela, Fene, Ares, Mugardos, Neda, Ferrol, Narón, Valdoviño, San Sadurniño, Moeche, As Somozas, As Pontes, Cerdido, Cedeira, Cariño, Ortigueira e Mañón.