Home / Sociedad / Empleo / San Sadurniño organiza un curso de fructicultura e outro de transformación de alimentos

San Sadurniño organiza un curso de fructicultura e outro de transformación de alimentos

FERROL360 | Luns 11 setembro 2017 | 10:58

A área de Desenvolvemento local de San Sadurniño vén de abrir o prazo de inscrición para participar en dous cursos centrados nas posibilidades económicas e de emprego do rural. Trátase dun curso de fructicultura e outro de transformación de alimentos en colaboración con AGFA e con FRUGA.

O curso de fructicultura, en colaboración coa Asociación Galega da Froita Autóctona, tocará todos os temas relacionados coa plantación e mantemento dunha explotación, sexa doméstica ou profesional para aquelas persoas que queiran iniciarse ou mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras.

Abordará cuestións como a morfoloxía da árbore e as técnicas de plantación, pero tamén os traballos de mantemento, poda e enxertado. O curso incluirá un apartado sobre as enfermidades máis habituais e o seu tratamento e, por último, tamén tocará os procesos de colleita e transformación de froitas e hortalizas.

O programa conta con 24 horas formativas que se desenvolverán os sábados entre o 16 de setembro e o 14 de outubro en sesións intensivas de mañá, de 9.30 a 14.00 horas, impartindo a teoría na Casa da Xuventude e a práctica na horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos.

Hai 25 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición chamando ao teléfono 647 016 351. O prazo finaliza o venres 15 de setembro. O curso é de balde para as persoas socias de AGFA ou veciñas de San Sadurniño. Para o resto terá un prezo de 25 euros. O pagamento deberá facerse o primeiro día de curso.

Curso de transformación de alimentos

Esta acción formativa está dirixida a mulleres desempregadas e tratará sobre a transformación e conservación de produtos agroalimentarios, cunha marcada orientación á ecoloxía e a sustentabilidade. É unha proposta gratuíta organizada pola Federación Rural Galega en colaboración co Concello de San Sadurniño.

O curso será de 30 horas lectivas repartidas en sete días nos que se explicarán, entre outras cousas, prácticas ancenstrais que axudan a preservar os alimentos xunto con outras técnicas máis modernas que minimizan a perda de nutrientes.

Alimentos fermentados e encurtidos, os distintos tipos de pan, a deshidratación de produtos frescos e elaborados, as conservas envasadas e os procesos de pasteurización, os leites elaborados partindo de legumes e cereais e ahixiene e de seguridade cando se traballa na cociña serán algúns dos temas a abordar.

Ademais das explicacións teóricas, esta actividade tamén inclúe a posta en práctica do aprendido en cada sesión. O programa desenvolverase no local social de Lamas os días 21, 22, 25, 26, 27, 28 e 29 de setembro nun horario aínda por determinar. Poderán participar mulleres desempregadas e a inscrición debe facerse chamando ao teléfono 981 490 027.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies