Home / Sociedad / Empleo / San Sadurniño participan nun proxecto europeo para mellorar a empregabilidade dos ‘ninis’

San Sadurniño participan nun proxecto europeo para mellorar a empregabilidade dos ‘ninis’

FERROL360 | Mércores 1 xullo 2015 | 11:05 

Estudar a realidade dos ‘ninis’, os mozos que nin estudan nin traballan, para deseñar e probar modelos de atención e integración no mercado laboral, é o obxectivo do programa europeo no que participa o Concello de San Sadurniño. Unha iniciativa na que tamén están implicadas institucións e entidades privadas de Italia, Grecia, Romanía e Polonia. Este proxecto, financiado integramente con fondos europeos, ten unha duración de dous anos e consta de varias fases. A primeira é a de investigación e estudo da situación sociolaboral da mocidade en cada un dos territorios participantes, tomando como referenza grupos con idades comprendidas entre os 18 e os 24 anos, con escasa ou nula formación e en situación de desemprego. A continuación, proporanse novas ferramentas e novos métodos formativos e de integración que se deberán poñer a proba para ver cales son os que poden dar mellor resultado. Os máis efectivos recopilaranse nunha de guía de boas prácticas á que se lle dará difusión en toda Esupora por medio de encontros e campañas de presentación dos resultados a partir de setembro de 2016. Con esta iniciativa tamén se pretende crear, promover e desenvolver un novo modelo de acompañamento formativo, de asesoramento profesional e de apoio persoal coas miras postas na prevención de novos casos e na resposta urxente aos xa existentes. Esta semana persoal técnico de cada país participante reúnese no municipio italiano de San Giovanni Teatino na que será a primeira xuntanza para coordinar o programa de actuacións. Por parte de San Sadurniño acuden ao encontro o técnico de Desenvolvemento local e a técnica de Orientación laboral, que se encargarán de levar a cabo as actividades previstas. Sansa xove: O novo rural Por outra banda, aínda que relacionado con este programa, o Concello de San Sadurniño traballa no proxecto Sansa xove: O novo rural, que opta ás liñas de subvención convocadas pola Federación Española de Municipios e Provincias e polo INJUVE. O obxectivo deste programa é concienciar á mocidade sobre as oportunidades laborais que ofrece o medio rural, contribuír ao asentamento da xente nova no territorio, mellorar os coñecemento e habilidades para adaptarse ao mercado laboral, o fomento do uso das TIC e prestarlles servizos de orientación laboral e asesoramento para o emprendemento. Así, levarase a cabo unha acción formativa de catro meses centrada na agricultura ecolóxica e cunha duración de 180 horas. Trataranse temas coma prevención de riscos laborais na agricultura; busca de emprego, emprendemento e igualdade; comercialización e venda electrónica; transformación e valor engadido; agricultura ecolóxica; apicultura e fructicultura, tamén en ecolóxico. Hai un total de 15 prazas dirixidas a mozos de entre 16 e 30 anos. A prioridade de acceso establecerase atendendo a perfís con baixa ou nula cualificación, persoas demandantes do primeiro emprego e pola antigüidade como demandantes, dándolle prioridade no caso de empate ás mulleres. As datas de inscrición e de inicio do curso publicaranse na web e nos tablóns de anuncios do Concello.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies