FERROL360 | Luns 3 febreiro 2014 | 17:37
O goberno local de San Sadurniño reuniuse este luns en Santiago co director xeral de Administración local, José Alberto Pazos. O motivo do encontro foi pedirlle á Xunta de Galicia a súa implicación na execución das obras de acondicionamento da contorna exterior do pazo da Marquesa e do edificio anexo.
O proxecto, orzamentado en 60.000 euros, pretende mellora-la accesibilidade a uns inmobles que nun futuro próximo albergarán a Casa do Concello, unha escola infantil ou locais empresariais. A actuación inclúe, entre outras cousas, habilitar unha ampla zona de aparcadoiro, ademais de derrubar a antiga queixaría e acondicionar con lousa e zona vexetal o perímetro comprendido entre ámbolos dous edificios. A previsión do Concello é sufragar unha parte dos gastos con axudas autonómicas.
Trala reunión, o rexedor de San Sadurniño, Secundino García, e mailo edil de Réxime Interior e Facenda, Xesús Soto, amosaron a súa «confianza» en que o organismo autonómico participe economicamente nestas obras. Os representantes municipais destacaron a «boa acollida da proposta».
Escola infantil
A carón do pazo da Marquesa está o edificio que se converterá en escola infantil ao inicio do novo curso escolar. Por iso, o Concello de San Sadurniño tamén plantexa solicitarlle á Xunta a súa colaboración.
Recentemente, o consistorio remitiulle unha carta á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, solicitando unha xuntaza que dea pé a futuras «vías de colaboración» entre os dous organismos.
A escola infantil que está situada na parte baixa do edificio anexo ten unha superficie útil duns 200 metros cadrados, divididos en tres aulas e con espazos de servizo e para o profesorado. A infraestrutura educativa terá capacidade para atender a uns 40 nenos e nenas.
As obras de rehabilitación xa están rematadas e só queda proceder ao seu acondicionamento interior, algo que tamén está pendente dun convenio asinado coa Deputación Provincial.
O modelo de xestión está por decidir, pero unha das opcións que máis convence ao Concello é que sexa a Xunta quen se encargue de incluír o centro na rede autonómica de escolas infantís.