Home / Actualidad / San Sadurniño porá en marcha un plan piloto de recollida do lixo porta a porta despois do verán

San Sadurniño porá en marcha un plan piloto de recollida do lixo porta a porta despois do verán

FERROL360 | Domingo 10 agosto 2014 | 18:13

Ferreira e varias zonas limítrofes serán os primeiros lugares nos que o Concello de San Sadurniño poñerá en marcha o plan piloto de recollida do lixo porta a porta. O proxecto servirá para ver a viabilidade dun sistema alternativo de recollida dos residuos domésticos co que se agardan reducir custes económicos e ambientais.

Nos 50 domicilios que participarán no estudo retiraranse unicamente os restos do colector amarelo -plásticos, latas, bricks, etc.- mentres que os veciños deberán botar e autoxestionar o lixo orgánico con axuda dos composteiros que lles deixarán na casa.

Deste xeito o Concello pretende reducir a cantidade de lixo xestionado e polo tanto acadar un menor custo no sistema de recollida e de transporte dos residuos. A cambio, a veciñanza recibirá un servizo individualizado, de calidade e sen ter que se desprazar. Dous factores que cómpre ter en conta nun territorio de case 100 quilómetros cadrados e unha poboación cun alto grao de envellecemento.

O plan piloto, que botará a andar en setembro, centrarase principalmente na parroquia de Ferreira, aínda que tamén beneficiará a parte de Naraío, San Sadurniño e Igrexafeita. Asimesmo, complétase cunha campaña informativa na que persoal técnico explicará o funcionamento do sistema, como se deberá empregar o composteiro e os usos que pode ter o compost xerado.

Nesta campaña realizaranse diferentes visitas para avaliar a evolución do plan. No prazo dun ano farase unha avaliación do funcionamento do plan para coñecer se é rendible desde o punto de vista ambiental, social e ambiental para implantalo noutros lugares do municipio.

O custe total da infraestrutura necesaria, así como o das campañas de divulgación, difusión e seguemento do proxecto está cifrado en algo máis de 14.500 euros. Cartos que San Sadurniño espera sufragar tamén coa colaboración de SOGAMA, á que xa se lle enviou desde a administración local unha solicitude formal de cooperación co plan piloto.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies