Home / Sociedad / Naturaleza / San Sadurniño porá en marcha unha mesa de traballo comarcal para atopar unha alternativa ao modelo Sogama

San Sadurniño porá en marcha unha mesa de traballo comarcal para atopar unha alternativa ao modelo Sogama

FERROL360 | Luns 17 marzo 2014 | 12:32

O Concello de San Sadurniño celebrou o pasado sábado unha sesión informativa para debater sobre a xestión dos residuos sólidos urbanos (RSU) e buscar alternativas ao modelo Sogama, imperante no 90 % dos concellos galegos.

Dende as dez da mañá, a Casa da Cultura acolleu medio cento de persoas -entre as que había representantes dos concellos de As Pontes, Narón, Allariz e Rianxo- que escoitaron as prácticas que se levan a cabo en outros municipios, tanto dentro e fóra de Galicia coma no estranxeiro. O obxectivo desta charla foi estudar vías «máis eficaces, máis sustentables e máis baratas» ás que utiliza a empresa pública -Sociedade Galega do Medio Ambiente- para tratar o lixo.

Dende o concello de Rivas Vaciamadrid, o xerente da compañía El Ecofa S.A., Antonio Nevado, explicou o sistema empregado neste municipio madrileño, baseado principalmente na redución do 70 % do volume total do lixo. O proceso inclúe a hixienización dos residuos con vapor de auga, esterilizándoos para non provocar emisións contaminantes. De aí obteñen biomasa orgánica, termoplásticos e metais. Tamén conseguen xerar biodiésel e gasóleo sintético. Ademais, a colaboración entre a empresa EcoHispánica e o concello de Rivas Vaciamadrid permite desenvolver investigacións prometedoras no campo da valorización enerxética dos residuos coa obtención de hidróxeno.

Outra das propostas chegou da comarca de Barbanza, onde a planta de Servia -situada en Lousame- opera dende hai dez anos para dar servizo aos nove concellos veciños. O seu modelo é atractivo para cada vez máis municipios galegos, porque aposta pola compostaxe fronte á incineración.

En Cataluña, o exemplo de Sant Sadurní d’Anoia destaca pola recollida a domicilio dos residuos dende o ano 2005. Esta é unha maneira de concienciar aos veciños sobre a importancia de clasificar o lixo. Fomentan a separación dos residuos e, de facelo incorrectamente, a empresa non os recolle. A cambio, o municipio recibe 35 euros por tonelada recollida, no tocante a pagar por outro servizo. O concelleiro de Medio Ambiente, Albert Prat i Pascual, destacou o abaratamento deste sistema en comparación a outros empregados nos concellos veciños, onde asegurou que «o prezo subiu e seguirá aumentando».

A continuación, o técnico de Desenvolvemento Local do concello anfitrión, Ignacio Fernández, deu a coñecer a práctica empregada nas cidades suecas de Motala e Linköping. Froito da experiencia conxunta no proxecto europeo Go Green Now, na que participou San Sadurniño, Fernández destacou que en Motala o 50 % do lixo se recicla e o 50 % restante se incinera para producir luz para o alumeado e a calefacción dos fogares situados a corenta quilómetros da planta. A bolsa verde, a do orgánico, trátase en biodixestores para xerar gas co que, posteriormente, funcionan un cento de vehículos municipais. Para o técnico local, o máis destacado deste proxecto é a capacidade para «pechar o círculo» do tratamento dos residuos sólidos urbanos porque «non se tira nada, todo son recursos», asegurou Fernández.

Debate sobre o tratamento dos RSU

A charla serviu ademais para dar a coñecer as diferentes posturas relacionadas coa xeración de residuos e a busca de métodos respectuosos co medio ambiente. Nunha mesa redonda moderada por Manuel Soto -profesor de Enxeñería Química da Universidade da Coruña-, participaron representantes de ADEGA, AGE, BNG e da Sociedade Galega de Historia Natural. Dende esta última, Joam L. Ferreiro, reclamou unha «maior concienciación cidadá» e un «consumo responsable». Pola súa banda, Fins Eirexas -ADEGA- defendeu a compostaxe -principalmente a caseira- como única solución viable para o territorio galego, onde o 50 % dos restos son orgánicos. Eirexas engadiu que Sogama «é o vertedoiro incontrolado máis grande de Europa».

O representante de AGE, Antón Sánchez, tamén apostou pola compostaxe como un xeito de tratar o lixo que «seguramente lle custe menos á sociedade». Criticou que «as perdas de Gas Natural motivadas pola retirada das primas ás renovables se lle queiran trasladar agora á cidadanía».

Para a parlamentaria do BNG Ana Pontón, «Galicia ten en Sogama unha bomba ambiental e non se quere recoñecer o seu fracaso». A representante nacionalista reclamou unha revisión do Plan de Xestión de Residuos de Galicia, xa que, di, «as súas bases están erradas», e apostou pola posta en marcha de pequenas plantas comarcais. Criticou, ademais, que se encareza un servizo básico «nun momento en que caen os salarios».

O moderador do debate, Manuel Soto, alertou sobre os perigos ambientais do método empregado pola empresa pública indicando, ademais, que a incineración realizada en Cerceda «custa 100 euros por cada tonelada».

O alcalde de San Sadurniño pechou a sesión considerando o modelo Sogama como «obsoleto desde o punto de vista ambiental e desde o punto de vista social». Secundino García Casal opinou que «en pleno século XXI non podemos continuar varrendo para debaixo da alfombra nin tampouco queimando a toda máquina para satisfacer os intereses empresariais de ningunha eléctrica». Para o rexedor local, a xornada supuxo «un punto e seguido» na busca de «alternativas máis respectosas co ambiente, que poden ser xeradoras de emprego e, de paso, máis baratas para as arcas públicas». García asegurou que San Sadurniño vai convocar unha mesa de traballo comarcal para o tratamento sustentable dos residuos co que se pretende atopar un modelo alternativo a Sogama.

A concelleira de Medio Ambiente, Mari Carme García, abriu a xornada sobre o tratamento dos residuos sólidos urbanos (foto: Concello de San Sadurniño)

A concelleira de Medio Ambiente, Mari Carme García, abriu a xornada sobre o tratamento dos residuos sólidos urbanos (foto: Concello de San Sadurniño)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies