Home / Cultura / Cine / San Sadurniño quenta motores para a quinta edición da Chanfaina ‘Lab

San Sadurniño quenta motores para a quinta edición da Chanfaina ‘Lab

FERROL360 | Venres 2 febreiro 2018 | 14:31

As pezas audiovisuais que unha vintena de realizadores gravaron en San Sadurniño no mes de setembro estrearanse este sábado na quinta edición da Chanfaina ‘Lab. As curtas proxectaranse na Casa da Cultura desde as 18.00 horas. A esta gala do cine acudirán tanto cineastas como persoas e entidades que lles prestaron axuda para a produción das curtas.

Desde o Concello de San Sadurniño sinalan que a estrea promete ser un mosaico de puntos de vista sobre a localidade, tanto polos temas elixidos como polo xeito de tratalos. Entre as persoas participantes nesta edición están Patricia Lamas e Miguel Sanjurjo de Concienciarte, o cineasta naïf de Igrexafeita Abel Vega, as mozas de Teño unha horta en San Sadurniño e as responsables da canle The Sungirls.

Tamén estarán Pablo Martínez, Fran Bermúdez, o dúo formado por Bieito Beceiro e Sebas Rodríguez, as irmás Lara e Noa Castro, a ferrolá Carmen Leira, Alberte Lobelle, a parlamentaria Ana Pontón que se puxo detrás da cámara para dirixir o seu primeiro proxecto como realizadora, Ángel Rueda, Anxos Fazáns, Carmen Rey, Cristina de la Torre, Olaia Sendón, Óliver Laxe, Gabriel Tizón e Vicente Vázquez.

Neste ano o Chanfaina Lab conta ademais coa presenza de Portugal da man do director, programador e dinamizador Carlos Viana. A gala do cine de San Sadurniño arrancará coas presentacións das pezas e a entrega ás realizadoras e realizadores das figuriñas feitas con plana pola firma local de artesanía As Lolas da Cascarilla.

Deseguido haberá un primeiro bloque de proxeccións que finalizará cun pequeno descanso entre as 20.00 e as 20.15 horas. Posteriormente, reanudarase o pase das pezas restantes, que prevé rematar cerca das 22.00 horas. A entrada é gratuíta.

A quinta edición da Chanfaina ‘Lab está organizada polo Concello de San Sadurniño con colaboración económica da Deputación da Coruña. Trala estrea, as curtas filmadas o ano pasado irán subíndose á canle de youtube do evento a razón dunha por semana.

Ademais, as realizadoras e realizadores tamén poderán mover as pezas en festivais e certames, levando o nome e unha parte da esencia de San Sadurniño polo resto do estado e mesmo do mundo.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies