Home / Actualidad / San Sadurniño reorganiza as rutas e os días da recollida do lixo

San Sadurniño reorganiza as rutas e os días da recollida do lixo

FERROL360 | Luns 28 marzo 2016 | 14:00

A implantación da recollida do lixo porta por porta nas parroquias de Ferreira, Igrexafeita e Naraío permitiralle ao Concello reorganizar as rutas que fai actualmente o camión compactador e incluso rebaixar nun día o seu traballo semanal.

Desde esta mesma semana, vehículo e operarios percorrerán o territorio os luns e mércores, mentres que o porta por porta queda fixado os martes. Segundo o departamento de Servizos, a medida suporá un importante aforro que non lle afectará á calidade do servizo.

Así, a recollida que ata agora se levaba a cabo os luns, mércores e venres, farase en tan só dous días. Os luns o camión percorrerá o centro urbano, Silvalonga, Santa Mariña do Monte, Badaos e o Camiño Arriba mentres que os mércores pasará por Lamas, o resto de lugares de San Sadurniño e aquelas zonas de Ferreira, Igrexafeita e Naraío onde aínda non se implantou o porta por porta.

O percorrido dos venres quedará limitado unicamente á zona urbana pola necesidade de darlle servizo, principalmente, ao colexio e os locais hostaleiros. Os martes o persoal municipal deixará aparcado o camión para botar man do pequeno furgón co que se atenden as áreas participantes no proxecto porta por porta: parte de Ferreira e os lugares máis afastados de Naraío e Igrexafeita.

Desde o departamento de Servizos infórmase que a redistribución dos días e dos percorridos está motivada pola redución de quilometraxe e de tempo de uso do camión compactador trala ampliación do porta por porta.

A titular da área, Amparo Calvo, sinala que o novo sistema reduciu en 92 quilómetros semanais o uso do vehículo «o que permite optimizar a recollida ganando tempo e aforrando en consumos e mantemento». A este respecto a concelleira apunta que a calidade do servizo se mantén como ata agora posto que os medios humanos seguen sendo os mesmos.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies