Home / REC360 / Reportaje / San Sadurniño reparte máis de 5.000 flores entre os visitantes á Feira da Plantación

San Sadurniño reparte máis de 5.000 flores entre os visitantes á Feira da Plantación

ARY LÓPEZ | San Sadurniño | Luns 28 abril 2014 | 12:52

Foi a décimo novena edición dun evento que reúne cada ano milleiros de persoas en San Sadurniño. O municipio celebrou no día de onte a Feira da Plantación, un espazo onde, cada último domingo de abril, as plantas e as flores protagonizan unha auténtica festa primaveral.

Revalorizar as posibilidades que ofrece o mundo rural ou potenciar o coidado e o respecto ás plantas, son algúns dos obxectivos dunha feira que naceu no ano 1995 da man da xa extinta asociación veciñal Bidueiro. Ademais, pretende dar pulo á plantación e fomentar o consumo de produtos ecolóxicos, poñendo en valor a natureza e dar conta do gran significado que deben ter as árbores e as plantas.

A cita, organizada conxuntamente polas áreas de Cultura e Medio Ambiente do Concello de San Sadurniño reuniu, segundo Protección Civil, unhas 5.000 persoas, cifra que supera ao acadado en anteriores edicións.

Na contorna do colexio colocáronse uns trinta e cinco postos con produtos procedentes de viveiros e florerías, fundamentalmente. Tamén houbo expositores de artesanía, gastronomía do país ou artigos de comercio xusto e produción ecolóxica.

Arredor das dez da mañá comezaron a chegar os primeiros visitantes e a actividade se mantivo ata a tarde, pero foron as horas do mediodía as que aglomeraron maior afluencia de xente.

Todos aqueles que se achegaron á feira, recibiron gratuitamente varias plantas de agasallo, cedidas, como cada ano, por Vivergal e que se remataron arredor das dúas da tarde; sinal, da boa acollida de público.

Ao longo da xornada, realizáronse varios sorteos de artigos doados polos expositores e pola tarde, os máis pequenos puideron gozar de dous obradoiros onde aprenderon a crear figuriñas de barro ou flores de papel.

Para poñer en pé esta feira «precísase a implicación de moita xente», segundo apunta a concelleira, Mari Carme García. Persoal do Concello traballa durante un par de meses previos a un evento que, en realidade, «xa leva anos consolidado grazas ao traballo de Bidueiro» nos anos previos. Ademais, a axenda de participantes consérvase practicamente ano tras ano, xa que, «os distintos produtores teñen resevado esta data para vir a San Sadurniño e só hai que asegurarse de que en cada edición poidan vir». García recoñece que aínda así, en termos económicos, «cada vez custa máis levala a cabo porque hai menos axudas e as infraestruturas son caras». Este esforzo semella parecer agradecido de asumir cando o municipio atrae tal cantidade de xente nun só día.

A carpa baixo a que se colocaron a maior parte dos expositores recibiu milleiros de persoas ao longo de todo o día de onte (foto: Ary López)

A carpa baixo a que se colocaron a maior parte dos expositores na Feira da Plantación recibiu milleiros de persoas ao longo de todo o día de onte (foto: Ary López)

A Casa da Planta acode á Feira da Plantación de San Sadurniño dende os seus inicios (foto: Ary López)

A Casa da Planta acode á Feira da Plantación de San Sadurniño dende os seus inicios (foto: Ary López)

No tocante ao nivel de vendas, o balance xeneralizado foi moi positivo para todos os comerciantes. Así por exemplo, Silvia Caffaro, que se agocha tras unha rica colección de plantas aromáticas culinarias e medicinais, di que esta feira é «estupenda, la gente ya sabe que viene a comprar buen producto y a buen precio. Además, aquí no vienen revendedores, se encuentran directamente con los productores». Ela está á fronte de Herbas de Caaveiro, que pertence a Viveros Flor Galicia; unha compañía que se creou en San Sadurniño no ano 1998. Hai tres anos diversificou a súa produción para poder ofrecer, ademais de planta hornamental, horta e plantas medicinais. O propósito, na sección da que se encarga Silvia é «recuperar el uso de las plantas medicinales y de toda la sabiduría popular en torno a estas especies».

Recentemente, veñen de dar o salto á produción ecolóxica. Contan co certificado do CRAEGA -Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia- e recoñece que a transición dende o cultivo convencional resultou ser un traballo difícil: «Hay muchas cosas que aprender pero ahora ya podemos ofrecer una gama enorme de productos con garantía ecológica en toda Europa», presume, orgullosa.

Dende a provincia de Pontevedra, veñen Viveiros A Lagoa, un matrimonio que leva cinco anos asistindo a esta feira e, para eles, este ano «foi o mellor con diferencia. Compensou viaxar tantos quilómetros ata aquí». Producen distintas variedades de xeranio, alegría e petunia, entre outras, e tamén ofrecen especies que proveñen de terceiros produtores, máis destinadas ao punto de venda en florerías. Os pequenos arbustos de xardín e a flor de temporada son os seus produtos más demandados.

Pola súa banda, José Horjales, de A Casa da Planta, -parroquia de Lamas-, é xa un histórico nesta feira á que asiste dende os seus inicios. «Este ano as vendas foron bastante ben, aínda que un pouco máis frouxas en comparación con outros anos, debido á grande oferta existente». No tocante á demanda de plantas de horta e froiteiras, considera que «se manteñen e mesmo medran nos últimos tempos», pero coa hornamental é diferente. Opina que nestas datas calquera produto funciona pero que coa economía familiar non ocorre o mesmo: «a xente pensa máis as cousas porque non se trata dun produto de primeira necesidade, senón un artigo de luxo». Horjales percorre co seu establecemento as diferentes feiras da comarca e mesmo dispón dun posto no mercado de Recimil.

Completaron o abano de posibilidades na XIX Feira da Plantación de San Sadurniño, postos de alimentación, artesanía, a campaña de reciclaxe de Sogama ou unha iniciativa educativa liderada por alumnado do CPI para financiar o proxecto cultural Pegadas Musicais.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies