Home / Actualidad / San Sadurniño rexeita o proxecto de lei da reforma local proposta polo Goberno central

San Sadurniño rexeita o proxecto de lei da reforma local proposta polo Goberno central

FERROL360 | Venres 20 setembro 2013 | 13:26

O Goberno central traballa nunha lei de racionalización e sostemento para a administración local. A norma que está a ser tramitada nas Cortes supón unha reestruturación completa do sistema municipal actual. A pretensión do Goberno é acadar un aforro duns 7.129 millóns de euros no período 2013-2015, entre outras cousas, reordenando mancomunidades e entidades locais menores, eliminando duplicidades ou redistribuíndo competencias.

Sen embargo, algúns concellos do Estado non están de todo conformes con esta normativa. Algunhas das ameazas que anticipan son a perda de determinados servizos públicos e a redución da marxe de manobra dos municipios a favor das deputacións. A Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) e o seu organismo homólogo en Galicia, a Fegamp, desaproban o feito de que se lle resten competencias aos concellos. Segundo a Fegamp, o texto recolle propostas que atentan contra o principio constitucional da autonomía local. En declaracións á axencia Europa Press, esta entidade apoia «publicamente unha postura moi crítica fronte á reforma local, co apoio dos alcaldes e alcaldesas de Galicia».

No caso de San Sadurniño, o consistorio presentou alegacións ao proxecto de lei reclamando un proceso participativo para chegar a un acordo consensual. Para este concello, «a lei debería centrarse en definir claramente as competencias e en repartir os recursos pensando na atención ás persoas e tendo en conta que os concellos son as administracións máis próximas á cidadanía». Dende este municipio reclámase tamén a eliminación das deputacións derivando os recursos aos concellos e protexer os servizos públicos garantindo a súa calidade.

A Comisión Executiva da Fegamp acordou celebrar unha asemblea extraordinaria para abordar esta proposta «aberta a tódolos alcaldes de Galicia» o vindeiro 11 de outubro en Santiago.

Comisión Executiva da Fegamp abordará a proposta na asemblea extraordinario do vindeiro 11 de outubro en Santiago (fegamp.org)

A Comisión Executiva da Fegamp abordará a proposta na asemblea extraordinaria do vindeiro 11 de outubro en Santiago (fegamp.org)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies