Home / Cultura / Sedes mergúllase na época castrexa coa celebración do XIX Oenach Atlántico

Sedes mergúllase na época castrexa coa celebración do XIX Oenach Atlántico

Ferrol360 | Mércores 26 xullo 2017 | 11:00

O recinto feiral do Trece, na parroquia naronesa de Sedes, acollerá desde este venres e ata o domingo a celebración do XIX Oenach Atlántico. O evento, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, conta cun completo programa de actividades co concerto de Davide Salvado, Feira de Artesanía, Mercadiño Artesán, xogos populares, teatro, deporte rural e gastronomía, entre outros.

A programación, como é habitual, arrancará este venres a partir das 21.00 horas, co tradicional acendido de lumes. Unha hora máis tarde, darase paso á Noite de Música Galiciana, cun concerto de Davide Salvado, un dos cantautores galegos máis recoñecidos no ámbito da música tradicional.

Xa o sábado, os preto de 40 postos da Feira de Artesanía e do Mercadiño Artesán abrirán as súas portas ás 11.00 horas. Á mesma hora comezará a actividade na campa castrexa, cunha ampla oferta de propostas lúdicas dirixidas ao público familiar, a través das que fomentar de xeito intercultural o coñecemento dos hábitos de vida castrexos.

Haberá exhibición da raza Can de Palleiro a partir das 12.00 horas e concerto de Pesdelán ás 13.00 horas, que traerá ao Oenach Atlántico un completo repertorio de música e baile tradicional galego e portugués co que animar ao público de diferentes idades.

Os xogos populares comezarán ás 16.00 horas e a continuación haberá teatro coa compañía Títeres Trompicallo, que interpretará a obra Jiñol. Logo tocaralle o turno a unha Parada etnográfica da música e do baile tradicionais na que actuará o grupo Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón.

A partir das 22.30 horas comezará a esperada Noite do Castro, unha representación teatral protagonizada un ano máis polos integrantes da Compañía do Grupo de Teatro Comunitario de Sedes, que porán en escena a obra Molexa.

Programación do domingo

Os postos da Feira de Artesanía e do Mercadiño Artesán abrirán de novo as súas portas a partir das 11.00 horas e a esa mesma hora iniciarase a Carreira popular ao Castro de Eiravedra, na que poderán inscribirse todas as persoas que o desexen momentos antes do inicio da proba. O percorrido a realizar será duns cinco quilómetros polas inmediacións do castro.

O Castro miúdo, unha proposta de carácter lúdico e didáctico dirixida aos nenos e nenas, desenvolverase durante esta xornada. A actividade aposta por explicarlles aos peques o contexto castrexo a través dun Photocall castreño, obradoiros –de micro arqueoloxía e de vestido castrexo para crianzas- e a construción dunha mini palloza.

O teatro regresará de novo á campa a partir das 13.30 horas, cunha recreación a cargo de veciños e veciñas da zona e ás 16.00 horas comezará unha nova sesión de xogos populares e practicarase deporte rural, dede as 17.00, cunha serie de propostas coas que poñer en valor o patrimonio cultural. Serrado con tronzador, tiro á corda e carreiras con toradas forman parte das propostas a levar a cabo nesta actividade.

A media tarde, haberá unha nova Parada Etnográfica con música tradicional a cargo da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón e ás 19.30 horas entregaranse os trofeos aos mellor clasificados na carreira ao Castro celebrada pola mañá. A clausura desta décimo novena edición do Oenach Atlántico está prevista ás 20.00 horas.

O Concello de Narón e o Padroado da Cultura de Narón organizan un ano máis esta convocatoria en colaboración coa Asociación de Veciños Rosa dos Ventos de Sedes, e nesta edición tamén coa Xunta de Galicia e a Abanca.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies