Home / Cultura / Sés, cantante: «Sempre hai unha música para tranquilizarte, para curarte, para levantarte»

Sés, cantante: «Sempre hai unha música para tranquilizarte, para curarte, para levantarte»

ARY LÓPEZ | Ferrol | Sábado 12 abril 2014 | 12:43

Leva o inconformismo na lingua e a etiqueta de autenticidade no peto. É «hipersociable», moi faladora. Oponse aos prexuízos e nega os estereotipos. Non é fada nen princesa. É amante das verdades, malia que provoquen sangue. Sés é defensora da igualdade e practicante do insomnio ocasional. Camiña cos pés no chán e a testa ben alta. Constrúe verbas de flor e ás veces extrae o son da dor.

A súa repercusión hoxe en día é importante. María Xosé Silvar non coñece o descanso, xa que non para de xirar o seu segundo traballo discográfico, Co xenio destrozado, que autoproduciu aínda non hai un ano. En todo este tempo continúa enchendo locais. En directo, atrapa e non solta, tecendo unha rede ben forte que medra e se estende deixando pegada.

Admira as voces de Mercedes Peón, Ugía Pedreira ou Tareixa Novo, pero a verdade é que ela tamén é dona dun vozarrón «que nin diola». Fai letras con peso, escritas en galego, acompañadas dunhas músicas que xorden da mistura dos sons que lle percorren o sangue, coma o rock, o blues, o country, o soul e os sons latinoamericanos.

Parece que nada fai calar a esta labregha berghantiñana, lanzadora de discursos incendiarios que amosa ter xenio para largo.

Pero eu non son quen para definila, o mellor é que o faga ela.

FERROL360 – Quen é María Xosé Silvar?
SÉS – Son unha persoa moi normal. E sen querer soar arrogante, creo que hai moi pouca normalidade en xeral, e iso xera moita impostura. Eu son unha persoa de barrio, do máis normal do mundo.

360 – Como pasou Sés de tocar en bares a encher o Teatro Principal de Santiago?
SÉS – Á forza de que a xente te coñeza porque te viu tocar moitas veces. Os grupos que teñen grandes compañías válense dunha gran produción… e nós dedicámonos ao que nesta profesión hai que facer, que é tocar. Fixemos centos de concertos acústicos nun par de anos, e para un país pequeno coma o noso non é tanto. Porque un Teatro Principal son 600 persoas, con que haxa vinte persoas de cada bisbarra xa está.

360 – Pero antes pisaches a escola de cantareiras…
SÉS – E que de feito eu son cantareira. Porque o que sei facer é música tradicional e aí si me considero boa. A día de hoxe segue sendo a música que máis consumo. A ser o que son agora, cheguei algo de rebote.

360 – E polo medio houbo un concurso na Coruña que gañaches co cuarteto Chámalle Xis!. Que hai desa etapa?
SÉS – Nós parábamos nun bar que facía repichocas e ás veces, entre varios, tocábamos versións ou quedábamos nun local para tocar xuntos. Un día vin un cartel do concurso Coruña Son e gravamos un tema en plan coña que presentamos en límite de prazo, pero que ó final convenceu a Santiago Auserón, que foi o que nos votou. Foi flipante, porque dun grupo que non tiñamos nin repertorio, demos uns trinta concertos nun ano.

360 – Cando foi o día en que lle confesaches a mamá: ‘quero ser artista’?
SÉS – Nese momento eu estaba preparando un programa de doutoramento para facer unha tese, e un día dígolle á miña vella: ‘Mira, hai unha produtora que me ofrece isto’. Sorprendeume que me dixera: ‘Eu sempre te vin feliz cantando, así que aproveita a oportunidade, porque o outro sempre o vas ter e nós tamén te imos apoiar’. A verdade é que hai moitos músicos galegos que son filólogos: Xulián Hernández, Uxía Senlle, eu…

360 – Que grupos escoitabas dos teus pais e cales escoitarán de ti os teus fillos?
SÉS – Eu son orfa de pai. Crieime cos meus avós e eles escoitaban música máis clásica, como Nana Mouskouri, Luis Cobos, Los Panchos, Nat King Cole… e moita música hispanoamericana en xeral. De meu pai herdei uns 200 vinilos de rock & roll porque se criou no Reino Unido e alí empapouse desa música. Eu escoito aínda nunha maleta Philips do ’56. De pequena dábame vergoña que a viran as miñas amigas porque eu quería un walkman. Esa música foi a maneira de coñecer a meu pai. A través de Janis Joplin, Bob Dylan, Deep Purple ou David Bowie.

360 – Como se pode cantar, berrar, facelo tan rápido, sen trabarse, lembrando tódalas letras das cancións e aínda por riba, soando ‘que nin diola’?
SÉS – Grazas polo cumprido, pero eu o que persigo é a autenticidade e nos discos se persegue a perfección. No meu último disco gravamos todos xuntos e non por separado. Se a miña música soa ben é porque soa natural. Non canto especialmente ben, son menos que mediocre. A miña baza é entregarme a conciencia, o meu nudismo no directo é porque creo que soa a verdade. Os temas son reais. Todo o que canto foron vivencias e forman parte da miña intimidade.

360 – Téñote escoitado dicir que non es moito de durmir. Aproveitas a noite para compoñer?
SÉS – Para compoñer, ler e sobre todo escoitar moita música. Algo que me aterroriza e non entendo son eses músicos que din: ‘Eu cando chego á casa xa non me apetece nada escoitar máis música’. Non sei se é polo ego dos artistas o rollo de que lles chegue só con facer a súa música ou que, pero eu se teño que elixir entre ser consumidora ou facedora de música… ‘ufff…’.

As únicas drogas que eu consumo son os discos. Cando me quero durmir poño a Jorge Cafrune, María Dolores Pradera… e se me quero levantar, me enchufo a Joplin ou á Creedence, The Clash, Ramones… Sempre hai unha música para curarte, para levantarte, para tranquilizarte…

360 – Gustaríame que definiras o teu primeiro disco –Admirando a condición-, e o teu segundo disco –Co xenio destrozado-.
SÉS – O meu segundo disco é o meu primeiro disco. Realmente o meu segundo disco é o que fixen eu mesma. Eu producín, eu mesturei, soa como quero que soe e son a culpable de todo o que hai aí. Para ben e para mal.

A cantante María Xosé Silvar, atendeu a Ferrol360 nos camerinos do teatro Jofre na tarde do seu concerto (foto: Ary López)

A cantante María Xosé Silvar, atendeu a Ferrol360 nos camerinos do teatro Jofre na tarde do seu concerto (foto: Ary López)

O primeiro, ten cancións que me encantan, como Non son fada, pero que eu refaría. E dáme moita pena, pero eu era unha novata, unha rapaza de 27 anos que na vida pisara un estudio de gravación e moi achicada, porque este é un mundo de homes. Así que ou cheghas partindo a pana ou cheghas de xeito humilde, pero tan humilde, que te abaixas; e tan abaixada, que te comen.

Ninguén me puxo unha pistola na cabeza, pero hai moitas formas de manipular, e ao final o que sae de aí gústalle a eles, pero non a ti. Eu non quero ser un produto e pasei polo aro máis por humildade que por desidia, pero porque pensaba que o que tiña ao meu lado sabía máis ca min, e iso é unha base errada. Que unha persoa teña máis percorrido non quere dicir que te saiba retratar, e ao final, nun disco, tes que ser ti.

Hai guitarras do meu -segundo- disco que o meu guitarrista non as poría así, pero como a que manda son eu, van así. Eu son a que paga e teñen que entendelo aínda que sexa difícil porque son unha tía, porque é moi habitual o rollo de que ‘o macho manda’ na música e parece que as tías non podemos falar. Nós somos arrogantes mentres que eles son profesionais. E non é así.

360 – Tamén tés un proxecto educativo para rapaces e rapazas de instituto. Como é esa experiencia con eles?
SÉS – Non é un proxecto en realidade, chámanme os profesores para dar algún concerto nos institutos e funciona moi ben porque lles gusta escoitar rock & roll e é un xeito de achegarse á cultura sen que sexa unha imposición. Con eles falo dos trastornos alimenticios, que estudiar é moi importante e da sociedade en xeral, nun contexto lúdico e informal. Os profes sempre me din que me fan máis caso a min en hora e media que a eles en todo o día.

Esta xeración a min dame moita pena porque os seus referentes son ‘mierda’. O noso referente non era Miley Cyrus nin un tipo de 120 quilos rodeado de cinco tipas en bikini. O grao que estamos vivindo agora é esaxerado.

Desbotan unha estética que non se cinga a un canon, impoñen a apoloxía da actitude submisa da muller, crean mulleres frívolas, descerebradísimas… Pero esta peña non fai nada. Non toca, non canta, non compón. O único que fan é espirse diante da cámara. E son os seus ídolos. Estamos creando unha xeración vítima dunha sociedade criminal. Entón, de súpeto, que unha paisana coma min lles dea un discurso representa case unha esperanza.

360 – Xa conquistaches Madrid, Cataluña, Bilbao… pero agora en breve tirades para London. Que ides facer na Gran Bretaña?
SÉS – Imos facer concertos. Nada en especial. Eu non teño problema en tocar onde sexa.

360 – Supoño que coma na casa en ningures. Pero como te tratan fóra de Galicia?
SÉS – A min moi ben en tódolos sitios, a verdade. Sinceramente, non noto diferencia. Por exemplo, Madrid encántame, e aínda que non me considero española, xa o dixen mil veces, gústame a cultura española, aínda que non sexa o meu país. E gústame a xente madrileña, son moi abertos.

Dos que me van ver a esa sala, moitos terán interese en verme e outros non. Entón o normal é que, se eu o fago ben, se acolla excelente. É gracioso que alguén que non saiba falar en galego te espete ‘gustoume moito’ e compren o disco.

Pódese pensar que hai moita actitude facha en Madrid. E logo? Aquí non a hai? Haina en tódolos sitios. Hai moita xente que pensa que teño odio a certo tipo de xente e eu non odio a ninguén neste mundo. Mira, non son ghuapa, pero teño cabeza. Para odiar a outra xente porque si tés que ser tonto i eu non son tonta.

360 – Sombreiros, camisas, chalecos e garavatas adoitan vestirte en directo. Eres fiel a un vestiario en particular?
SÉS – Eu non teño un estilo pechado nin son de ningunha tribu urbana. Empecei levando garavata e chapeu porque me gustaban moito. Agora teño un estilo máis neutro e vou vestida de negro porque cos músicos é fácil que todos teñamos unha prenda desa cor. Gústame a sobriedade no escenario.

Sés actuou este venres no teatro Jofre dentro da xira de presentación do seu último álbum, Co xenio destrozado. Tamén soaron temas do anterior traballo e pezas novas coma Un xeito de borrarte e Novas gañas de soñar; un breve adianto do que podería ser o terceiro disco da cantante coruñesa.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies