Home / Cultura / Sés presenta este domingo en Ferrol o seu novo disco, ‘Rabia ao silencio’

Sés presenta este domingo en Ferrol o seu novo disco, ‘Rabia ao silencio’

FERROL360 | Xoves 16 maio 2019 | 19:35

Sés recalará este domingo no Teatro Jofre de Ferrol para presentar o seu novo disco, Rabia ao Silencio, para o que quedan menos da metade das localidades. Desta volta, Sés proponnos un traballo acústico, máis íntimo e directo do que nos ten afeitos, para traer á Galicia do século XXI xoias musicais que no pasado século chegaron de Cuba, Arxentina e Brasil, entre outros.

Cancións adaptadas á nosa lingua que foron, no seu momento, semente ou crónica dos grandes movementos sociais do século XX a cargo de Carlos Puebla, Mercedes Sosa, Zeca Afonso ou Fuxan os Ventos, entre outros.

Trátase dun traballo composto por unha escolma de cancións populares, folclóricas ou de autor adaptadas pola artista. Todas elas están ligadas a un pobo do que manaron e ao que nutriron. Sés escolleu cancións cunha historia detrás, que explica minuciosamente no libreto do disco: as ditaduras uruguaia e arxentina en letra de Benedetti ou Atahualpa Yupanki.

Tamén a emigración galega vista por Fuxan os Ventos; a revolución sandinista; a cubana en boca en Carlos Puebla; un corrido popular mexicano dos tempos da revolución ou unha canción-denuncia da discriminación da comunidade negra dos anos 30.

Segundo a propia autora, «Rabia ao silencio é unha débeda contraída con quen me esinou a pensar musicando e narrando a verdadeira historia e non a dos vencedores. Máis que coma un traballo propio, está concibido coma unha homenaxe a persoas que nos legaron grandes valores; ademais nun momento sociopoliticamente miserábel e artisticamente pobre».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*