FERROL360 | Mércores 16 setembro 2015 | 11:22
O debuxante e presidente do Club de Prensa de Ferrol, Siro López, falará este xoves sobre o caricaturista galego José Cao Luaces na Museo do Humor de Fene, a partires das 20:00 horas. A conferencia complementa a exposición José Cao Luaces. Galego universal na caricatura, que se amosa ata finais de mes na Casa da Cultura de Fene.
Considerado o pai da caricatura política arxentina, José Cao Luaces naceu en Cervo, Lugo, en 1866. Aos 20 anos marchou a Bos Aires onde comezou a traballar colaborando con distintos medios ata que foi contratado pola revista Don Quijote, publicación crítica co goberno do momento na que se empregaba o humor como arma poderosa.
Dende as súas páxinas, Cao adicouse a caricaturizar aos mandatarios desa época, sufrindo por iso persecucións e mesmo prisión. Tamén traballou para El Eco de Galicia e, posteriormente, para Caras y caretas, publicación que representou a madurez do humorismo político e na que o caricaturista deixou unha boa escolma da súa obra.
O acto está organizado pola Concellería de Cultura e Ensino en colaboración co Club de Prensa de Ferrol.