Home / Cultura / Tanto Encanto Reunido; a música da nosa palabra, o son da nosa vida

Tanto Encanto Reunido; a música da nosa palabra, o son da nosa vida

ARY LÓPEZ | Sábado 6 xuño 2014 | 16:07

Seis intérpretes de longa traxectoria musical dan vida a Berros do Castro, unha agrupación xurdida en San Sadurniño a mediados dos anos noventa e que persegue, non só, seguir confeccionando música de raíz, senón tamén traballar para recuperar e salvagardar parte do patrimonio popular galego.

Recompilan tesouros que teñen forma de melodías e imaxes de multitude de músicos populares das áreas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Con este compromiso xurdiu no ano 2011 Eirexado s/n, un primeiro traballo discográfico autoproducido enmarcado no proxecto Unha imaxe, una melodía… un recordo, polo que toman as súas influenzas doutras bandas tradicionais das comarcas máis próximas.

Recentemente lanzaron Tanto Encanto Reunido, un libro-cd co que pretenden continuar desenvolvendo esta labor de difusión e mantemento da nosa cultura. É un traballo que recolle documentos, fotografías antigas e distintas melodías de grupos do século pasado e que agora se poden escoitar da man de Berros do Castro.

Un dos seus integrantes, Bruno Casal, conta orgulloso en que consiste este segundo traballo.

FERROL360 – O título, Tanto Encanto Reunido, denota en sí mesmo certa sonoridade e ademais queda bastante romántico. Como decidistes que o voso primeiro traballo debía chamarse así?
BC – Foi unha decisión consensuada coa editorial. A frase está incluída no prólogo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Encaixou ao 100 % co contido do noso libro-cd, porque non podemos obviar que é unha reunión de músicos populares con encanto.

360 – Que tesouros poderemos atopar nel?
BC – O maior tesouro é a posibilidade de coñecer fisicamente a músicos populares que nos deixaron en herdanza o seu bo facer musical e ademais coñecer algo do seu repertorio. Tentamos imitar a formación que se ve na fotografía e interpretar algún tema. Tamén se inclúe algún corte sonoro orixinal.

360 – Neste traballo contades ademais coa colaboración de músicos coma Daniel Bellón, Pepe Varela ou Alonso Caxade. Como foi a experiencia con eles?
BC – Os colaboradores foron Pepe Varela e Pablo Carpintero nos prólogos. Alonso pon a voz masculina nunha cantiga que nos ensinou Sinda de Paulo, unha veciña de Xiao (Monfero). Trátase dun “duelo” home-muller, onde a voz da rapaza é protagonizada por Sabela Folgar. Dani gravou unha jota de Manuel López Vergara, un dos gaiteiros máis representativos da nosa comarca, non só como intérprete, senon tamén como mestre de moitos gaiteiros e fundador da Banda de Gaitas Agarimo de Catabois. Todo é máis sinxelo cando se conta coa colaboración de profesionais de tanto peso e tanto nome coma eles. Todo foron facilidades. Ademais da súa profesionalidade é moi importante a súa humildade que axuda a adaptarse moi fácilmente ao que lles pediamos.

360 – En que momento vos plantexades deixar de lado a autoprodución para pasar a traballar con Edicións Embora?
BC – A decisión partiu da necesidade de facer algo profesional á vez de darlle unha maior cobertura ao produto. Posiblemente desde o punto de vista da autoedición non lle poderiamos dar a cobertura que se lle dá desde unha editorial como esta.

360 – En liñas xerais, como se desenvolveu todo o proceso de produción, gravación e edición do traballo?
BC – O proxecto das fotos iniciouse no ano 2008. É un proxecto de longo percorrido pero foi hai un ano cando decidimos plasmalo no libro-cd. Xa tiñamos gravados algúns temas en Eirexado s/n pero pensamos que había que ofertar un pouco máis e cunha calidade xa profesional. Foi cando decidimos editar este volume. A gravación fixémola no mes de outubro nos estudios A Ponte de Santiago e, temos que dicir, que a profesionalidade de Tomás Ageitos axudou a que saíra un son moi fresco e natural. Quixemos gravar o disco en directo para darlle unha maior cercanía á música coa imaxe que representa. Da edición encargouse o maravilloso equipo de Edicións Embora, comandado por Miguel Toval, ao que tamén lle temos que agradecer o resultado final que se acadou, cumprindo ampliamente as expectativas que tiñamos.

360 – Por un lado, existe un enorme traballo de documentación que fai manter vivos na memoria a multitude de músicos populares, e por outra banda, asumides a execución de temas que foron interpretados hai décadas por antigas agrupacións. Cales son os pasos a seguir para poñer en pé semellante colección de imaxes e sons?
BC – Trátase dun traballo de campo, de recompilación, no que se hai que armar de paciencia para visitar á xente e tentar facerlles ver a necesidade da recuperación como riqueza inmaterial que ten que pervivir e trasmitirse a outras xeracións. A execución dos temas é case sempre aproximada, non temos gravación nin tampouco sabemos en primeira persoa o seu xeito interpretativo. Imitamos a formación da imaxe e tentamos reproducir o seu repertorio pero é innegable que o estilo de Berros sempre está nas melodías. Contamos nalgún dos temas con instrumentos antigos que provocan cambios de sonoridade a respecto do que adoitamos escoitar. O xeito de interpretar as gaitas antigas tamén se percibe no cd, ao ter que tocalas dun xeito distinto -toque en pechado- a como interpretan actualmente a maioría de gaiteiros -toque en aberto-.

360 – Que distingue a Berros do Castro do resto de agrupacións folclóricas tradicionais galegas?
BC – Principalmente, que a maior parte do noso repertorio é propio, recollido dos nosos propios traballos de campo. É un repertorio exclusivo das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Neste sentido, a nosa evolución nos afastou pouco a pouco do repertorio gaiteiro máis clásico e levounos a facer algo máis exclusivo das nosas comarcas. Que non é nin mellor nin peor que o máis coñecido, só dicir que é distinto e máis descoñecido.

360 – Que datas tedes pechadas este ano?
BC – Non temos nada definitivo polo momento pero estamos pechando próximas presentacións en As Pontes e en Lugo. Na planificación da presentación do libro temos en mente cidades como A Coruña, Pontevedra e incluso Madrid.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies