FERROL360 | Venres 11 decembro 2015 | 18:07
Fin de semana repleta de actividades en Narón con representacións teatrais, mercado de segunda mano, Noite de Luz e visitas do Minions. Un completo e variado programa para todas as idades e todos os gustos.
Así, este venres o Pazo da Cultura acolle a representación da obra Ultranoite no país dos ananos, do Grupo Chévere, a partir das 20.30 horas. A actuación repetirase este sábado ás 20.00 horas.
Xa o sábado, o recinto feiral do Trece e o Centro Cívico Social de Sedes acollerán os actos da Noite da Luz. Ás 18.30 horas sairá a Comitiva da Luz desde a capela de Santa Lucía ata o monte Esperón, onde se prenderá a roda da luz, sobre as 19.15 horas.
Ás 20.00 horas, no Centro Cívico Social de Sedes, representaranse as obras de teatro Hostarias corrientes, a cargo de Quino e compañía, e O último tren, do Grupo de Teatro da Fundación Terra de Trasancos, do Val. A música correrá a cargo de Os Campantes da Baña.
Xornadas informativas e visita Minions
Tamén o sábado terán lugar as xornadas informativas sobre A importancia da atención temperá e a estimulación precoz. O Concello de Narón e Aspanemi organizan este acto con ponencias a cargo de profesionais nas materias a abordar. Será de 10.30 a 14.00 horas no Centro Comunitario Municipal Manuela Pérez Sequeiros.
Ata a Praza da Gándara chegarán os Minions para fotografiarse cos máis pequenos. Este bichiños visitarán o municipio varios días este mes, dentro dunha actividade enmarcada nos actos programados polo Concello con motivo do Nadal. Será de 12.00 a 14.00 horas.
Mercado de Segunda Man
O domingo terá lugar o VII Mercado de Segunda Man de Sedes no que participan un centenar de postos en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Roupa, calzado, libros, bisutería e antigüidades son algúns dos artígos que se porán á venta.
Ademais, se habilitará un espazo para realizar doazóns de alimentos non perecedeiros e produtos de hixiene para o Centro de Recursos Solidarios de Narón.
Para pechar esta fin de semana frenética, o Pazo da Cultura acollerá o domingo a representación da obra infantil A Carapuchiña Vermella, ás 17.00 horas.