Home / Cultura / Teatro, música tradicional galega e varios obradoiros para celebrar o Oenach Atlántico 2016

Teatro, música tradicional galega e varios obradoiros para celebrar o Oenach Atlántico 2016

FERROL360 | Venres 24 xuño 2016 | 12:15

Do 29 ao 31 de xullo Sedes celebrará unha das súas citas culturais más importantes: o Oenach Atlántico 2016. A XVIII edición desta Festa de Interese Turístico de Galicia contará cun completo e variado programa de actividades con teatro, música tradicional galega e varios obradoiros.

A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro e a presidenta da AVV Rosa dos Ventos, Julia Montero, foron as encargadas de presentar as actividades e o cartaz desta edición este venres no local social de Sedes. Ferreiro salientou o traballo que ano tras ano realizan os veciños «para manter en pé esta celebración coa que se aposta por recuperar e dar a coñecer a tradición e cultura galegas».

O programa comezará o día 29, ás 21:00 horas, coa recreación do renacemento do Lume Novo Solsticial na Aldea Castrexa, na zona das pallozas localizadas no Trece. O evento inaugurarase cun prendido de lume e a lectura dun texto que marcan cada ano o inicio do Oenach. Ás 22:00 horas terá lugar un concerto a cargo do grupo de cantareiras e pandereteiras Leilía.

Na xornada do 30 de xullo na Campa castrexa abrirá o Mercadiño artesán e tamén se poderán ver unha Mostra de artesanía de cerámica e haberá demostracións en vivo de artesáns elaborando distintos produtos na área da campa.

Exposicións e obradoiros

Así mesmo, programouse unha exposición de reproduccións castrexas e tamén varios obradoiros didácticos sobre: construción de vivenda, tecido, cociñado castrexo, micro arqueoloxía, photocall castrexo e animación teatral.

Ao igual que en edicións anteriores, na zona do recinto do Trece poderanse degustar desde as 14:00 horas comidas con grellados, forneados e doces, todos eles base do que será o apartado gastronómico do Oenach.

A programación retomarase ás 17:00 horas, cando a compañía teatral Os Ghazafelhos representará a obra Contos para Escagarriñarse, dirixida a todos os públicos. Ás 18:00 comezará unha sesión de xogos populares e obradoiros de enredos tradicionais e ás 22:30 a Noite do Castro.

Noite do Castro

O Castro de Eiravedra centrará os actos nocturnos desta recoñecida festividade, coa estrea da obra O paxaro de Eiravedra, unha peza que representarán os actores da Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, cunha trintena de integrantes.

Cada ano os veciños e veciñas de Sedes elaboran o texto a representar no Oenach e traballan na representación axudados por Pepablo Patinho, monitor de Teatro do Padroado da Cultura de Narón. Rematada a representación, sobre as 00:30 horas, haberá un concerto de música folk.

Última xornada

O domingo día 31 abrirá de novo a Campa castrexa ás 11:00 horas, coas mostras e obradoiros didácticos da xornada do sábado. O programa de actos da última xornada do Oenach levará tamén ao recinto do Trece unha mostra e exhibición de raza canina a partir das 12:00 horas do Club de Raza Can de Palleiro.

O elenco da Compañía de Teatro Comunitario de Sedes actuará de novo ás 13:00 horas, cunha recreación na campa castrexa e ás 14:00 comezará o Oenach Gastronómico. Depois do xantar, sobre as 17:00 os asistentes terán a oportunidade de practicar un variado número de xogos populares e deporte rural.

Xa ás 19:00 horas dará comezo a tradicional carreira popular ao Castro de Eiravedra, aberta a persoas de todas as idades. Os interesados en participar na carreira deberán inscribirse na campa, podendo facelo o mesmo día da proba ata trinta minutos antes de que comece.

Ás 20:30 horas entregaranse os trofeos –haberá tres premios por cada unha das seis categorías, en función da idade dos participantes- e procederase a clausurar esta nova edición do Oenach.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies