FERROL360 | Sábado 7 setembro 2019 | 11:37
Terra Galega celebrará este domingo o inicio do curso político coa tradicional Festa do Río, que se desenvolverá na área recreativa de Pedroso e contará coa participación de 600 persoas. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o secretario xeral de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo e o coordinador local, Ibán Santalla, participarán neste acto xunto a representantes de TEGA, militantes e simpatizantes.
A festa dará comezo ás 13.00 horas, momento no que terá lugar unha sesión vermú amenizada por un dúo musical. Ferreiro dirixirá unhas palabras aos asistentes antes de iniciarse o xantar de confraternidade, cun menú que se degustará baixo unha gran carpa instalada para a ocasión na área recreativa de Pedroso.
Unhas seiscentas persoas confirmaron a súa asistencia a este evento, que se prolongará durante boa parte da tarde con propostas de lecer dirixidas a adultos e tamén algunhas pensadas para os nenos e nenas que acudan á Festa do Río.
Tras o xantar, continuará a música para animar aos asistentes á convocatoria e tamén se poderá gozar de xogos tradicionais, xincanas, tiro á corda e outras propostas dirixidas a persoas de tódalas idades, convertindo esta cita nunha xuntanza interxeracional na que compartir unha xornada de festa.
Así mesmo, haberá algúns inchables, que se instalarán tamén na área recreativa, nas inmediacións da carpa, para que os nenos e nenas de menor idade poidan gozar tamén desta convocatoria.