FERROL360 | Martes 25 xullo 2017 | 12:35
A concelleira de Benestar Social, Saínza Ruíz, asinaba este luns dous convenios de colaboración con entidades da comarca. Por unha banda con Teima Down, adicada á integración social e laboral de persoas con Síndrome Down, e tamén coa Cociña Económica, que ofrece a posibilidade de comer de xeito saudable ás persoas máis vulnerables.
Teima aproveitará o convenio para desenvolver o programa Participando. Inclusión na vida adulta de apoio á emancipación en moitos aspectos da vida diaria destas persoas. A contía total do acordo é de 35.000 euros, dos que 17.500 serán achegados no momento da sinatura do convenio, e a outra metade á finalización da actividade.
Con respecto á institución ferrolá, o Concello financiará dous tipos de servizos con 40.000 euros. Un presencial nas instalacións do comedor, proporcionando menús ás persoas con recursos limitados que asisten a diario, pero tamén o de tipo de recollida de comida para domicilio, que ten por obxecto a normalización e a non estigmatización no caso de familias con menores ao seu cargo.