Home / Ferrol / Narón / Tradición celta no Oenach Atlántico

Tradición celta no Oenach Atlántico

MARTA R. SUÁREZ | Narón | Domingo 27 xullo 2014 | 13:50

Dicía Castelao que a tradición non é historia, é eternidade. E esa é a filosofía dos organizadores do Oenach Atlántico que se está a celebrar desde o venres no recinto da feira do Trece, en Narón. «Oenach» significa «lugar de encontro da comunidade» e nesta feira queren honrar tan nobre significado.

O principal obxectivo é transmitir a cultura celta nun ambiente lúdico, pero tamén didáctico. Para iso, segundo nos conta Daniel Cánovas, membro da organización, está sendo indispensable a colaboración dos veciños, moi implicados no evento.

As actividades son variadas: desde as gastronómicas ata diferentes obradoiros, pasando pola representación da vida cotiá da época. Ademais das distintas actividades que figuran no programa, nada máis alcanzar o alto no que se sitúa o recinto, atopamos unha palloza que se pode visitar e, no seu interior, todos os obxectos propios dos antigos fogares.

Tamén podemos ver como se traballan algúns oficios tradicionais como o de cesteiro. Atopamos un posto de talla de madeira onde descubrir figuras traballadas con mimo, firmadas con man de artesán. O dono do posto cóntanos que este é o primeiro ano que acude a esta cita, que, recoñece, estase dando máis a coñecer.

Hai tamén unha taberna onde se xuntan a conversar parroquianos e visitantes. A festa é especialmente divertida para os nenos, cuxos pais non se cansan de quitar fotos nos decorados preparados para a ocasión.

Dentro da nave da feira están a maioría dos postos onde podemos atopar as máis variopintas mercadorías. Bixutería, literatura ou produtos gastronómicos típicos teñen un lugar nesta feira. Un dos donos cre que os postos deberían estar fóra, pois considera que dentro do recinto están un pouco illados. Á vez recoñece que a organización dunha feira celta, non é algo tan habitual como as medievais.

Preguntamos a Daniel Cánovas sobre o distintivo de interese turístico autonómico, que este ano acadou a festa e conta que están notando que se achega este ano xente que nunca antes viñera.

O ambiente familiar e o bo tempo animan a pasar polo evento e descubrir o día a día da cultura castrexa. A clausura será hoxe domingo ás 20:30 horas. Aínda queda tempo para pasar un anaco inmersos na tradición, ou, como diría Castelao, na eternidade.

Pequenos e maiores visitan o Oenach Atlántico (foto: Marta R Suárez)

Pequenos e maiores visitan o Oenach Atlántico (foto: Marta R Suárez)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies