Home / Cultura / Trece entidades culturais piden adiar as Letras de Carvalho para o vindeiro 2021

Trece entidades culturais piden adiar as Letras de Carvalho para o vindeiro 2021

FERROL360 | Luns 27 abril 2020 | 12:47

Un total de 13 colectivos e entidades culturais veñen de manifestar o seu desexo de que o Día das Letras Galegas adicado a Ricardo Carvalho Calero quede adiado a 2021 ante a imposibilidade de estudar e honrar a figura do mestre e lingüista como merece o ferrolán por mor da pandemia.

Lembran que levaban máis dunha década reivindicando a súa figura ante a RAG e consideran que non sería xusto pasar pola pegada de Carvalho deste xeito, sen poder traballala nin sequera nas aulas. A Real Academia propuxo que no canto do 17 de maio a homenaxe sexa o 31 de outubro, pero as entidades están en desacordo.

«Queremos manifestar a nossa oposiçom a esta decisom, porque nessas datas é praticamente impossível garantir que a figura de Carvalho Calero seja trabalhada e divulgada como deveria ser», sinalan nun comunicado enviado aos medios o pasado 23 de abril. Despois, partidos como Ferrol en Común amosaron a súa postura dacordo coa reivindicación das entidades.

Entre os motivos que alegan, ademais da problemática no ensino, enumeran tamén que o 31 de outubro é o día do Samaín, «tradiçom na qual o tecido associativo levamos anos trabalhando na sua recuperaçom», e tamén a incerteza de que daquela sexa posible algún tipo de mobilización: «Nom imaginamos um Dia das Letras sem a reivindicaçom na rua da defensa do nosso idioma ou sem as muitas atividades culturais que se desenvolvem por todo o País».

«Continuaremos a difundir a obra de um dos grandes da nossa história»

«O papel da cultura de base e do reintegracionismo foi , é e será fundamental na divulgaçom de Carvalho Calero. Sabemos que foi negado durante anos pola RAG, só polo facto de ser reintegracionista. Por isso aguardamos que seja escuitada a demanda de adiar para 2021 esta merecida homenagem, que cada vez conta com mais adesons», sosteñen, avanzando que «faga o que figer a RAG finalmente, Carvalho continuará a ser lembrado e reivindicado. Continuaremos a difundir a obra de um dos grandes da nossa história contemporánea e destacado teórico do reintegracionismo lingüístico».

O escrito está asinado pola Associaçom de Estudos Galegos, BRIGA, Coletivo Terra (Eume), CS A Gentalha do Pichel (Compostela), CS A Revolta (Vigo), CS Gomes Gaioso (Corunha), CS Fuscalho (Baixo Minho), CS Madia Leva (Lugo), CS O Quilombo (Ponte Vedra), Escolas de Ensino em Galego Semente , Fundaçom Artábria (Trasancos), Local Social Faisca (Vigo) e a SCD Condado (Condado).

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies