FERROL360 | Luns 24 setembro 2018 | 17:04
O Concello de Fene retoma neste curso 2018-2019 os obradoiros de Educación Física contra a Fatiga Oncolóxica. Unha actividade que terá lugar no pavillón de San Valentín a partir do mes de outubro co obxectivo de tratar de reducir na medida do posible a fatiga que acompaña ó cancro e ós seus tratamentos.
O prazo de matrícula rematará o martes 25 de setembro e as persoas interesadas en anotarse poden facelo nas dependencias administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira. O prezo do obradoiro é de 15,70 euros bimensuais a ingresar unha vez confirmada a praza.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e non se admitirán telefonicamente. Así mesmo, están limitadas a oito por curso e, aínda que os horarios poderán estar sometidos a cambios segundo as inscricións, inicialmente está previsto que se celebre un taller os mércores e venres de 11.00 a 12.00 horas e un segundo obradoiro luns e mércores de 17.00 a 18.00 horas.
Os obradoiros renovaranse cada dous meses. Trátase dunha actividade de intensidade suave a moderada, que tratará de axustarse en todos os casos ás características e posibilidades de cada persoa e, como é habitual, basearase nos contidos propios da educación física, así como tamén exercicio cardiovascular, mobilidade articular, estiramentos, relaxación, respiración, forza a nivel funcional, equilibrio, etc.
O alumnado desta actividade pode matricularse tamén con algún acompañante aínda que non sufra os efectos do cancro nin do seu tratamento, iso si, sempre que haxa prazas dispoñibles.