Home / Actualidad / Un BNG sen complexos celebra o Día da Patria en Ferrol con vellas consignas e novos folgos

Un BNG sen complexos celebra o Día da Patria en Ferrol con vellas consignas e novos folgos

Separación e cubrebocas neste Día da Patria da 'nova normalidade' (foto: Ferrol360)

MARTA CORRAL | Ferrol | Sábado 25 xullo 2020 | 15:14

As Irmandades da Fala reuníronse en Compostela naquel lonxano 1919 para acordar a celebración cada 25 de xullo do Día da Patria, o Día Nacional de Galicia que cumpre hoxe 100 anos e que atopou no BNG un leal gardiá cando os tempos non lle eran tan propicios. Agora, recentemente proclamados líderes da oposición logo dos comicios do 12X, os nacionalistas de sempre e as que chegaron co rexurdimento do partido terán que agardar para festexar na carballeira de Santa Susana mais non deixaron pasar a reivindicación nesta data, respectando, iso si, o mandato da nova normalidade.

Actos nas sete cidades galegas, entre elas Ferrol, que remataron cunha conexión virtual coa praza da Quintana da capital onde Ana Pontón constatou que «estamos máis vivos e máis vivas ca nunca» e reiterou a mensaxe que escoitaremos nestes catro anos: a necesidade de facerse máis fortes co obxectivo de converterse na alternativa para ocupar San Caetano. Antes, o secretario de Galiza Nova, Paulo Ríos Santomé Kai mandoulle unha vella mensaxe aos monarcas que visitaban Compostela: «Galiza non ten rei. Avante, sen tregua, república galega».

A Alameda de Suanzes foi o lugar escollido polo BNG das comarcas. Unha zona acoutada de cadeiras separadas, xel e cubre bocas imprescindíbel para entrar, enchida por xente de todas as idades que berraron en varias ocasións a coñecida proclama de «Galiza ceibe, poder popular» entre as intervencións do voceiro no Concello de Ferrol, Iván Rivas; a activista e candidata nacionalista Xiana González, e o recentemente elixido deputado Mon Fernández.

Rivas falou en chave local, rexional, estatal e mesmo europea. Celebrou que o 12X os tivera recoñecido como a segunda forza na cidade naval e lembrou que ninguén vai chegar de fóra para amañar os problemas de Galicia. Recriminoulle ao rexedor Ángel Mato a opacidade do acordo acadado coa Autoridade Portuaria que, ironizou, «agasallounos co paseo marítimo da Malata», criticando ademais que «se lle da un indulto á Autoridade Portuaria, unha amnistía para que un organismo do Estado non pague o que debe», reiterando a mensaxe que dera este venres ao coñecerse a nova.

Advertindo aos seus a necesidade de converterse na primeira forza, apelou a que «os que nos miran de esguello, nos miren de fronte». Pola súa banda, González falou en primeira persoa. Lembrou cando era unha adolescente que medraba nunha familia que non era nacionalista e decidiu acudir ao Día da Patria en Compostela. Repasou a historia dunha data que «é máis ca unha festa cultural, é a reivindicación do dereito á nosa autodeterminación, do dereito a decidir polo noso futuro».

Agradeceu Xiana González ás xeracións anteriores de mulleres e puxo en valor á mocidade organizada porque «será a forza que constrúa proxectos innovadores, feministas e sustentábeis». Mon Fernández pediu «confiar nos recursos do país para valermos por nós mesmos» e fixo dúas lecturas dos resultados electorais: que o BNG é a única alternativa ao PP e que a desaparición de Podemos e a baixada do PSOE explícase porque «na Galiza o sucursalismo madrileño, penaliza».

Botou Fernández a súa ollada cara o pasado, concretamente ao 25 de xullo de 1948, e viaxou ao Teatro Argentino de Bos Aires. Fixo súas as verbas de Castelao na súa célebre Alba de groria, o discurso que fixo no festival organizado polo Centro Gallego co gallo da data. E lembrou a esa «infinida moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega» anticipando que eses mesmos vagalumes son os que «habemos de alumear esa Galiza posíbel».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies