Home / REC360 / Crónica / Un día con Iván Rivas, candidato á Alcaldía do BNG-Asembleas Abertas

Un día con Iván Rivas, candidato á Alcaldía do BNG-Asembleas Abertas

SANDRA REGO | Mércores 20 maio 2015 | 17:36

Domingo 17 de maio. Días das nosas letras. Que mellor momento podíamos elixir para pasar unha xornada co Bloque Nacionalista Galego e o seu candidato á Alcaldía, Iván Rivas.

Despois dunha mañá na que integrantes do BNG-Asembleas Abertas estiveron na concentración de «Queremos Galego» que se celebrou en Canido, e tralo reparto de publicidade na Feira de Ferrol, trasladeime ata a Praza Vella para acompañar ao partido nacionalista no que quedaba de día.

A Tasca da Vella ofrecía un ambiente moi festivo á zona, con música de fondo dalgúns animados que sacaron a guitarra de casa para amenizar a tarde, que a verdade, o día de sol acompañaba a que a xente se animara a ocupar as terrazas que rodean o Barrio Vello.

Minutos máis tarde de chegar, xa estaban reunidos gran parte dos membros da lista xunto ós dous primeiros números da candidatura: Iván Rivas e Eva Espiñeira.

Na súa axenda de campaña para o domingo estaba o reparto de publicidade polo peirao de Curuxeiras e un posterior mitin na Praza Vella, na que falarían da nosa lingua, coincidindo co día das Letras Galegas, e por parte do alcaldable, da estabilidade e a unidade. «Hoxe apetecíame falar disto», di Iván Rivas, que admite que vai «improvisando» os discursos cada día, dependendo do que lle apeteza falar.

Reparto de publicidade polo porto

A comitiva decidiu facer un despregamento para acadar repartir en tódalas partes, tanto na zona do paseo coma nas terrazas. Unha nena, filla dunha dunha das integrantes de BNG-Asembleas Abertas, recollía un papel coa cara de Iván Rivas do chan dicindo: «Isto está moi mal».

Todos riron, incluso o primeiro da lista, que tomou unha posición máis tímida no reparto da propaganda en comparación con outras compañeiras, que en cuestión de minutos xa repartiran a gran parte dos veciños que se atopaban tomando algo.

Pregúntolle a Rivas a súa opinión sobre as enquisas, ó que me contesta que dubida da súa «fiabilidade», xa que dunha semana a outra, o BNG perdeu un 5 % de recoñecemento. Algo que lles preocupa porque, tal como expresa o candidato á alcaldía, as enquisas «condicionan o resultado electoral».

Rematado o reparto no peirao, os candidatos volven á Praza Vella e reparten á xente que lles quedaba na terraza da Tasca da vella. Un home que estaba nunha das mesas, cando ve que lle saco unha foto no momento en que lle entregan a publicidade do BNG, exclama: «Yo soy de José Manuel, pero podéis sacar la foto», e cando os integrantes nacionalistas se dan a volta, salienta: «Aunque Iván es más guapo».

Bromas aparte, é a hora de organizar o mitin que van realizar na praza onde fai un vento de órdago. Entre os presentes colocan as cadeiras e traen o coche da megafonía co cal conectan o micrófono para facerse oír por riba da música do bar.

Intres antes de empezar, e aproveitando que nos atopamos no centro histórico de Ferrol, pregúntolles ós cabezas de lista que opinan sobre a situación do barrio tan deteriorado. Iván sinala que se debe a «unha pasividade absoluta» e que «o programa especial de protección é unha escusa».

Pola súa parte, Eva pon como exemplo a cidade de Pontevedra, na que o seu alcalde nacionalista, Miguel Anxo Fernández Lores, que leva dende 1999 gobernando o municipio, «recuperou o patrimonio» e aumentou a poboación, mentres en Ferrol diminuíu.

Rivas, como arquitecto que é, admitiu que «a calidade das vivendas da zona vella» é boa e que «non somos conscientes do que temos» na urbe naval. «Debemos rexeitar a idea de que non se pode facer nada», subliña Iván para rematar a conversa.

Mitin a prol da lingua galega

Coa música de ambiente da Tasca, o mitin comeza, a pesar de que o vento impídelle a Eva botar un ollo ós papeis que trouxera preparados.

A número dous e mestra de profesión, Eva Espiñeira, matiza nada máis comezar que «pon en valor a participación da xente que non formaba parte do BNG antes» da preparación de cara a estas eleccións.

Continúa a falar sobre as problemáticas locais, especialmente a do paro, da que di que traballan «un de cada tres» ferroláns. Tamén tratou temas que preocupan a tódolos partidos nesta campaña, como o saneamento da ría e o sector naval.

Espiñeira fai alusión ao día «das nosas letras e a nosa cultura» e matiza: «non ó día de Xosé Filgueira». Ademais, dende o BNG pretenden traballar a prol da normalización lingüística, en concreto «nos máis novos», ós que considera «un sector estratéxico para impulsar o galego». Así mesmo, un dos grandes obxectivos nesta proposta de difusión da lingua, é a de «potenciar a auto estima do uso do galego», o que sinala a integrante das Asembleas Abertas que se trata de «algo no que estamos moi faltos».

A continuación, tomou a testemuña o alcaldable Rivas, o que fixo alusión dos eufemismos que emprega «certo sector político», ó tratar a estabilidade e a unidade. O número un da lista nacionalista comezou o seu discurso cunha reflexión que reflectía «do lugar onde se nace» . Denunciou que a estabilidade non se pode chamar a «reducir participación» dos cidadáns e o gasto público.

O candidato do BNG tratou outros temas de actualidade, entre eles o polémico saneamento, ó que «debería financialo o Estado como se fixo nas rías doutras cidades», xa que «debido o peirao exterior a ría non pode rexenerarse naturalmente», concluíu.

Para rematar, o nacionalista animou a que o futuro o construíramos nós mesmos, «cos nosos recursos, co noso patrimonio» e declarou con elocuencia que dende o Bloque Nacionalista Galego, «ofrecemos coherencia nunha cidade na que queremos seguir vivindo».

Ó rematar o discurso, e dado que os demais compañeiros de partido se disipaban, acerqueime a Iván para preguntarlle por algunhas cuestións en concreto nas que quería resolver dúbidas. Para comezar se ó promover a cultura galega, tamén incidían en grupos e artistas locais, que habelos hailos e moitos.

O cabeza de lista aclaroume que apoiarían a artistas locais, pero incidindo nos que fan cultura en galego, porque «senón o facemos nós, quen o vai facer?». Ademais, salientou a proposta do Bloque Nacionalista ferrolán de facer un espazo creativo e de unión para os promotores da cultura no Sánchez Aguilera.

En canto a pregunta de se farían coalición chegado o momento logo das eleccións, Iván matizou que o seu obxectivo principal «é cambiar a cidade», non botar ó PP do Concello, como outros partidos adoitan empregar como máxima nas súas declaracións.

«Non queremos delegar o noso estaleiro a representantes madrileños», aclara o alcaldable e polo tanto, o partido ó que representa non podería asumir «relacións con outros» que non coinciden con eles nos tres eixes principais que afectan á próxima lexislatura: o saneamento da ría, o Sánchez Aguilera e os estaleiros.

Rivas incide en que tampouco ve interese no resto de representacións de esquerda, segundo o alcaldable, o BNG propuxo un pleno extraordinario para que o PP dera conta do que fixo durante o seu mandato, máis «EU e PSOE non decidiron apoialo».

Por último, falamos da participación da poboación o 24 de maio, xa que a abstención cada vez é maior. Iván Rivas pensa que se debe ó «contexto» que nos tocou vivir, xa que «a política está moi cuestionada e a xente se sinte frustrada ante a realidade».

Aínda así, o BNG non perde a esperanza, e como levan demostrando durante meses, están ó carón dos veciños de Ferrol mostrando o seu apoio en distintos conflitos como xa fixeron no Bertón ou en San Xoán.

Ademais, a apertura da súa lista a persoas que non estaban relacionadas coa política ata agora, outórgalles ese valor engadido que parece que moitos buscan neste cambio político que están a disputar, que o pobo participe na toma de decisións.

Publicidad
Banner parque ferrol

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies