FERROL360 | Luns 17 outubro 2022 | 13:15
O alumnado de bacharelato nos centros ferroláns do IES Carvalho Calero, IES Concepción Arenal e IES Sofía Casanova, ademais do cedeirés IES Punta Candieira, toman parte do Laboratorio de Apoderamento Lingüístico de Ferrolterra, un proxecto piloto de dinamización do uso do galego entre a mocidade que está financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do programa Teceredes e deseñado pola cooperativa ferrolá Rexenerando.
Trátase dun proxecto que aborda a cuestión lingüística dun xeito innovador, incorporando ferramentas de xestión e facilitación de grupos, dando espazo ás emocións e á propia experiencia. Desenvólvese nos meses de outubro e novembro e esta primeira edición consta de dúas sesións de 100 minutos entre o 13 e o 27 de de outubro, e unha sesión intercentros o 11 de novembro.
Neste encontro, de participación voluntaria, o alumnado exporá as propostas e recursos recompilados previamente, unha serie de pequenas grandes accións activadoras da lingua nos seus contextos máis próximos. Finalmente, o 29 de novembro celebrarase un acto de peche para dar conta do proceso publicamente, vinculando a rapazada con toda a comunidade educativa e co conxunto da sociedade e servindo para compartir as propostas de intervención lingüística resultantes e celebrar a potencia creativa e o compromiso da mocidade co idioma.