FERROL360 | Martes 15 marzo 2016 | 11:00
Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra é o título do primeiro libro-DVD dedicado ao escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano.
Este proxecto, dirixido pola xornalista e escritora Margarita Ledo Andión, componse dun libro con textos de Miguel Anxo Fernán Vello -diputado de En Marea- Paulino Pereiro –compositor-, Carme Vidal -guionista-, Darío Xohán Cabana -escritor- e da propia Margarita Ledo. Complétase, ademais, cun documental onde, a través da voz de Manuel María, a directora presenta a vida do escritor en todas as súas facianas.
Para a autora, a obra é «unha homenaxe ao seu amigo e á súa contorna máis próxima», coa que pretendeu «rexistrar o íntimo». Trátase dunha demostración de amizade e un achegamento á vida deste poeta da terra, na que se dá a coñecer a súa extensa obra e o seu activismo político.
O proxecto chega este mércores, ás 19:30 horas, á Galería Sargadelos de Ferrol, da man da produtora Nós. O xoves e o venres tamén recalará nas cidades de Vigo e Pontevedra.
O libro estará á venda en todas as librarías galegas, nas galerías Sargadelos, nas tendas Rei Zentolo e tamén na páxina web da produtora noscinema.gal.