Home / Sociedad / Tendencias / Mercadillos / Un percorrido pola feira máis autóctona de San Sadurniño

Un percorrido pola feira máis autóctona de San Sadurniño

ARY LÓPEZ | Martes 27 agosto 2013 | 13:12

A contorna da Cortiña de San Sadurniño acolleu o pasado sábado a quinta edición da Feira Rural, unha mostra que favorece o intercambio comercial entre veciños e anima á participación nas actividades deportivas e culturais que alí se desenvolven.

Este punto de encontro entre comerciantes locais e produtores de froita autóctona ampárase na filosofía que faga potenciar o rural, favoreza o consumo sustentable dos nosos recursos e manifeste a atención e coidado das nosas especies animais e vexetais.

Galería de imaxes da V Feira Rural de San Sadurniño

O concurso de froita autóctona congregou a numerosos participantes (foto: Ary López)

O concurso de froita autóctona congregou a numerosos participantes (foto: Ary López)

Dende as dez e media da mañá, o numeroso público puido percorrer a senda próxima ao Río Grande de Xuvia para visitar a centea de expositores de artesanía, artigos de segunda man, froitas, plantas, flores e animais autóctonos, coma o Can de Palleiro ou a galiña de Mos. A música de Berros do Castro acompañou o paseo entre as tallas de madeira, os trebellos solares, a II Copa Agility-Concello de San Sadurniño e a degustación de viño e sidra elaborada no C. F. E. A. de Guísamo. As racións de churrasco e polbo que se puideron consumir no toldo e os petiscos elaborados no obradoiro de cociña creativa obrigaron a participar nas actividades deportivas. As rotas cicloturistas, as visitas guiadas á horta de froiteiras e as baixadas en kaiak polo río fixeron gozar a maiores e pequenos nunha xornada onde, por unha vez, os reloxos de sol substituíron aos de pulseira.

A Asociación Galega de Froitas Autóctonas (AGFA) do Eume colabora co Concello na organización desta feira. Encárgase ademais do mantemento e seguimento das hortas de conservación de variedades froiteiras comarcais, especialmente as que están en perigo de desaparición. Unha destas parcelas atópase en San Sadurniño. Alberto Varela, socio e fundador de AGFA, explica que esta entidade sen fins lucrativos doa a súa produción froiteira «á Cociña Económica, asilos ou feiras coma esta», na que entregaron varios premios aos participantes do concurso de froita autóctona. O seu obxectivo é traballar pola conservación de especies froiteiras galegas como a pera barburiña, as mazás reineta, camoesa ou de Santiago.

Produtores locais

A Feira Rural é o escaparate perfecto para amosar os produtos cultivados na terra que traballan os nosos veciños. Pedro Rodríguez leva uns tres anos plantando legumes, froitas e hortalizas, pero era a primeira vez que visitaba unha feira como comerciante. Este sábado estreouse na súa vila natal ofrecendo variedades de coliflor, repolo, tomates, abruños ou plantas medicinais. Recoñece que «ser de aquí axuda a que a xente vaia comprando» e engade que non esperaba tanta venda: «practicamente vendimos todo o que traíamos».

Como produtor de sidra, Vicente García, veciño de Ferreira, experimentou hai catro anos coas mazás rogelias, de ollo mouro e demais variedades da zona para crear unha beberaxe que encaixa co seu lema: «Sidra Vicente, a que lle gusta á xente». Ademais de sidra, produce vinagre e augardente de mazá. Contento coa acollida desta feira onde é xa ben coñecido, calcula que vendeu uns 100 litros do seu particular ouro líquido.

Pompas de cores

As verbas de Miguel Anxo Romero e as ilustracións de Leandro Lamas dan como resultado un vistoso libro de poesía infantil que, en palabras do autor, «é moi sinxela, semellante á poesía de Gloria Fuertes ou Manuel María, que mesmo se pode aplicar no ámbito escolar». A feira serviu de escenario para acoller a presentación deste libro titulado Pompas de cores, editado pola compañía Embora, consolidada editorial da comarca.

A feira do sol

Cara as dúas da tarde, algúns dos membros da Asociación Cultural Os Picos do Sol miran para o ceo agardando que a raiola do Señor Lourenzo colla forza suficiente para poder empregar as súas cociñas solares. Unha serie de aparellos reflectores que soportan potas e tixolas van acadando altas temperaturas, aproveitando a radiación solar para convertela en enerxía térmica. Xabier Picos, divulgador de enerxías solares, describe o funcionamento destas cociñas que chegan a alcanzar os 250 graos, suficientes para fritir uns chourizos ou preparar un saboroso “pisto solar”. «Hai dous modelos de cociñas solares: as parabólicas de concentración e as caixas de acumulación». Facendo referencia á última proposta do Real Decreto de Autoconsumo de Enerxía Eléctrica, Picos lamenta que esta modalidade de autoconsumo solar se vexa ameazada pola alta peaxe que se lle está a impor. Di que «en España temos altas radiacións solares, pero grávase máis que no resto de Europa».

Can de Palleiro

Unha pequena representación desta raza autóctona galega en perigo de extinción visitou un ano máis a feira rural. Membros do Club Can de Palleiro contribúen á difusión e coñecemento da raza explicando as características propias deste animal, símbolo da nosa tradición e cultura. Esta entidade constituída no ano 2002 é a única recoñecida pola Xunta de Galicia para tramitar a documentación de Can de Palleiro. O seu vicepresidente, Juan Carlos Puente, fala dun can pastor que non é «matrícula de honra en nada, pero si notable alto en moitas facetas». Destaca del a súa fidelidade cos amos e que son algo reservados coa xente de fóra, xa que «marcan distancias cos descoñecidos». Unha das preocupacións deste club é manter as características peculiares do Can de Palleiro. «Non participamos en concursos de beleza porque non é un can de estampa. É funcional e queremos que conserve o seu carácter primitivo». Considerada unha das razas máis antigas de toda Europa, a súa esperanza de vida é duns doce anos. O seu valor? Incalculable. «O que fai este can? Non hai cartos que o paguen».

Ben acertado é o dito: é tan listo que só lle falta falar.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies