FERROL360 | Venres 29 maio 2015 | 19:25
A explanada do local social de Lamas acolle este sábado a novena edición da feira de artesanía e de degustación de carrilleiras. Un encontro que cada ano atrae a centos de visitantes na procura dunha xornada arredor dos produtos máis diversos, da música e da boa mesa.
A asociación de veciños da parroquia logrou reunir para o evento un total de 35 expositores entre artesáns e comercializadores de planta e produto fresco. O programa arrancará ás 11:30 horas coa inauguración oficial, seguida a iso das 12:00 horas da apertura dos postos de artesanía participantes no encontro.
A feira é, ademais, unha auténtica festa para veciños e xente de fóra. Desde as 12:30 haberá música ao vivo que animará o ambiente ata a hora de xantar, que está posta para as 14:00 horas. Serviranse as carrilleiras que lle dan nome á feira con empanada, requeixo, biscoito, pan, viño e café e por prezos moi axustados tendo en conta que de Lamas ninguén marcha nunca con fame.
Os tíckets para persoas adultas teñen un prezo de 15 euros, para menores de 6 a 12 anos custarán 10 euros e as nenos de menos de 6 anos poderán xantar de balde.