FERROL360 | Luns 21 xullo 2014 | 20:22
Quen dixo que os centros educativos quedaban desertos durante o verán? O patio cuberto do CPI de San Sadurniño é un rebulir constante durante as mañás, xa que acolle o programa Aldea de verán 2014. Un programa de conciliación no que participan 35 cativos de entre 3 e 12 anos.
A Aldea de verán é unha iniciativa municipal que facilita a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, ao tempo que contribúe á formación socioeducativas dos nenos durante as vacacións. Funciona con dous horarios, un de 08:00 a 14:00 horas e outro de 10:00 a 14:00 horas, para axeitarse ás necesidades das familias.
Pintura de mans, xogos cooperativos, bailes, manualidades con materiais de refugallo… a mañá réndelles no patio cuberto do colexio e tamén fóra del, posto que entre as actividades tamén se contan varias excursións a algún lugar próximo e sempre orientadas á aprendizaxe.
Así, a primeira quenda rematará o xoves da semana que vén. A maioría dos nenos continuarán outro mes máis, mentres que algúns deles deixarán sitio para un novo grupo de cativos, que gozarán da segunda quenda do programa ata finais de agosto.
De cara a setembro, e mentres os nenos non comecen a escola, o Concello organizará un novo espazo de conciliación. Denomínase Setembro concilia e ofrece entre 10 e 12 prazas, con prioridade para as familias de San Sadurniño ou que traballen no municipio. O periodo de solicitude abrirá o luns 4 de agosto.