Home / Ferrol / Un traballo de enfermaría do CHUF é premiado pola Asociación Nacional de Saúde Mental

Un traballo de enfermaría do CHUF é premiado pola Asociación Nacional de Saúde Mental

FERROL360 | Mércores 10 xuño 2015 | 18:36

O traballo Papel da Enfermaría no apoio ás familias cun neno con Trastorno de Espectro Autista acadou o segundo accésit da Asociación Nacional de Saúde Mental, durante o Congreso Nacional, se celebraba hai uns días en Burgos. Un traballo a cargo de Carmen Fernández, profesional de enfermaría, e que contou coa supervisión de María Jesús Movilla e Eva Tizón.

Fernández realizou este estudo con doce familias con nenos autistas rexistrados na asociación de ASPANAES e pertencentes á comarca de Ferrolterra. A enfermeira explica que as familias con persoas que padecen esta enfermidade enfronta desfíos diarios e o apoio dos profesionais sanitarios é fundamental «dende un enfoque multidisciplinar».

O primeiro obxectivo do estudo era coñecer a construción e evolución do vínculo paterno/filial dos pais con fillos con Trastorno de Espectro Autista, así como avaliar e medir o grao de satisfacción cos requisitos de autocoidado que se esixen no modelo enfermeiro Dorothea Orem. Estos son: ingreso suficiente de ar; inxestión suficiente de auga e de alimentos; equilibrio entre actividades e descanso e tamén entre soidade e comunicación social, entre outros.

O segundo obxectivo centrábase en identificar as intervencións da Enfermaría para acadar ese autocoidado por parte dos nenos, e tendo en conta o citado modelo Orem. Fernández indica que «trátase de coñecer a experiencia desas familias; coñecer a abordaxe dos casos; e atopar diagnósticos e actuacións enfermeiras que poidan mellorar esa situación».

Conclusións

O traballo conclúe que existe unha evolución que vai do desamparo e rexeitamento inicial, pasando pola adaptación e a aceptación da infancia como época de transición, ata acadar na adolescencia a estabilidade familiar. Carmen Fernández afirma que todas esas etapas «favorecen ese vínculo paterno/filial» e engade que «os grandes problemas seguen a ser o desenvolvemento social e os perigos cando hai carencia de autonomía».

A enfermeira tamén sinala que o colectivo enfermeiro deberá ser soporte e fonte de información nun equipo multidisciplinar sanitario e indica posibles pautas de intervención que melloren a súa actuación. Así, no ámbito da comunicación, propón estimular a linguaxe e expresión dos nenos mediante diferentes ferramentas ou normas básicas para a prevención de perigos detectados.

No caso de medidas para a incontinencia urinaria, céntranse no control de esfínteres e establecemento de hábitos; o manexo da nutrición, no caso de que existan problemas ou dificultades coa utilización dos cubertos. Sempre traballando dende o punto de vista da estimulación do neno, di. Por ultimo, outra das conclusións é «a necesaria e adecuada formación dos profesionais da Enfermaría no ámbito da saúde mental para poder desenvolver a súa función asistencial».

Un dos valores deste traballo premiado a nivel nacional radica precisamente na ampla abordaxe, non existindo referencias bibliográficas neste senso, xa que inclúe tódalas etapas do neno de xeito cronolóxico -estableceron cinco etapas-, e abrangue tódolos requisitos que recollía o modelo enfermeiro escollido, e non só algún deles.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies