Home / Ferrol / Narón / Marea laranxa en San Sadurniño polos servizos sociais nas administracións locais

Marea laranxa en San Sadurniño polos servizos sociais nas administracións locais

ARY LÓPEZ | San Sadurniño | Mércores 30 outubro 2013 | 17:26

«Si aos servizos sociais no teu Concello». Ese foi o lema que corearon as máis de cincuenta persoas que se congregaron na mañá deste mércores na praza do Concello de San Sadurniño.

A iniciativa, promovida pola plataforma independente de profesionais dos servizos sociais, tivo como motivo conformar unha marea laranxa; unha metáfora para alertar do desmantelamento do sistema actual de servizos sociais nas administracións locais.

Profesionais do colectivo afectado, apoiados por membros do equipo do goberno e decenas de veciños e veciñas da comarca, quixeron manifestar o seu rexeitamento ao inminente proxecto de lei de reforma dos concellos aprobado polo Consello de Ministros o pasado mes de xullo.

A reforma, denominada Proyecto de Ley de Racionalización y Sostenibilidad de la Administración Local,  pretende responder ao principio de «unha administración, unha competencia».

Nos seus obxectivos destacan:

– A potenciación das deputacións provinciais no tocante á coordinación e xestión dos servizos mínimos nos municipios con menos de 20.000 habitantes.

– Simplificar competencias municipais para evitar duplicidades con outras administracións.

– Reducir o persoal eventual e ordenación de salarios.

– Favorecer a actividade económica local con medidas liberais.

Estas son algunhas das medidas coas que se pretende aforrar 8.024 millóns de euros durante o período 2013 – 2019.

Para os concellos da nosa comarca, especialmente os rurais e aqueles con menos de 20.000 habitantes, a medida supón «unha ameaza para a cohesión social». Así o definen os encargados de desenvolver as tarefas de benestar social nos nosos concellos, que ven perigar unha «estrutura eficaz construída con moito esforzo durante os últimos trinta anos».

Máis de medio cento de persoas concentrábanse esta mañá na praza do Concello de San Sadurniño (Foto: Concello)

Máis de medio cento de persoas concentrábanse esta mañá na praza do Concello de San Sadurniño (foto: Concello de San Sadurniño)

«Si aos servizos sociais no teu Concello» é un dos lemas da marea laranxa promovida pola plataforma independente de profesionais dos servizos sociais (Foto: Ary López)

«Si aos servizos sociais no teu Concello» é un dos lemas da marea laranxa promovida pola plataforma independente de profesionais dos servizos sociais (foto: Ary López)

En palabras do portavoz na concentración deste mércores, Diego Rodríguez, traballador social no Concello de Cerdido, «alónxanse os servizos da cidadanía, dificultando o acceso a instrumentos básicos para o benestar social das persoas e da súa calidade de vida. Afecta especialmente aos concellos rurais, con poboación avellentada».

Verónica Rodríguez, axente de igualdade no Concello de San Sadurniño, comparte a súa opinión, explicando ademais que se trata dun «proceso escondido porque non se sabe como se vai aplicar, pero que afecta non só a persoas da terceira idade, senón tamén a tódalas familias» que se favorecen dos programas levados a cabo dende esta área.

Servizos básicos fundamentais para as familias corren o risco de ser trasladados a ámbitos provinciais e mesmo autonómicos. Programas de envellecemento activo,  protección da infancia, axudas no fogar ou de inserción social poderían desaparecer dos concellos segundo advirten quen desexan que se paralice esta norma. «A lei de reforma local acaba coa liberdade, a inmediatez e a proximidade», apunta Diego. Considera, ademais, que favorece a privatización e «fará que aumenten as desigualdades sociais». Ao mesmo tempo, advirte da supresión de moitos postos de traballo e da perda de axilidade nas actividades que ata agora se viñan realizando nos distintos municipios.

San Sadurniño é un dos 35 concellos adheridos a esta plataforma independente que loita por manter «o social no local». Confórmana 102 profesionais e constituíuse o 16 de outubro a raíz dunha iniciativa xurdida en diferentes municipios da comarca das Mariñas. Reivindican para os concellos a propia xestión dos servizos sociais, mantendo a competencia actual.

Con todo, Diego Rodríguez fai unha chamada á cidadanía para que «desperte» e se sume a este movemento porque «dende logo son máis traballadores os que se deberían involucrar nun asunto que lles toca directamente».

Outras iniciativas

Representantes do goberno municipal de Narón, funcionarios e persoal laboral tamén se concentraban esta mañá na Praza de Galicia para amosar o seu descontento coa Lei de Reforma Local. Ademais, o Colectivo Narón Mobilízate ten previsto convocar hoxe unha reunión informativa sobre a devandita lei. Será ás oito deste serán no soto da Biblioteca Municipal do Alto do Castiñeiro.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies