Home / Opinión / 'Ferrol Rebelde' / Unha nova Casa do Pobo para Ferrol!

Unha nova Casa do Pobo para Ferrol!

Plano da nova Casa do Pobo de Ferrol 1933 (foto: Marcos Abalde)

Plano da nova Casa do Pobo de Ferrol 1933 (foto: Marcos Abalde)

MARCOS ABALDE | ‘Ferrol Rebelde’ | Sábado 13 maio 2017 | 11:38

Un busto de Carlos Marx presidía a fachada da Casa do Pobo de Vigo. O outro polo do socialismo galego estaba en Ferrol na praza Pablo Iglesias 4, hoxe praza das Angustias 4.

O proletariado ferrolán inaugurara ese Centro Obreiro en 1890. Alí, Antonio Bello, vicepresidente da Agrupación Socialista, dará aulas gratuítas aos traballadores. Por aquel local pasará o propio Pablo Iglesias e realizarase o primeiro mitin organizado polas mulleres ferrolás en 1919.

Décadas de traballo entusiasta e abnegado incrementan as organizacións operarias adheridas á UXT. En 1933 amplían o Centro Obreiro. O baixo ficará destinado á celebración de asembleas e o primeiro andar será ocupado polas diferentes seccións:

Secretaría 1: Federación Comarcal, Federación Local da Edificación e Traballadores do Ensino.
Secretaría 2: Obreiros municipais, Obreiros do Estado, Espectáculo públicos, Artes gráficas e Confeiteiros.
Secretaría 3: Electricistas, Zapateiros, Oficios varios, Panadeiros e Tranviarios.
Secretaría 4: Peóns, Albaneis e Pintores.
Secretaría 5: Cargadores e Descargadoras.
Secretaría 6: Asociación Obreira de Construción Naval.

A pesar de contaren cos locais dos Círculos Socialista de Esteiro, do Centro e de Canido, os problemas de masificación continúan e deciden erguer un novo edificio. Están a piques de dar un salto cualitativo.

O proxecto foi deseñado polo arquitecto galeguista Xosé Caridad Mateo. Ía emprazarse na rúa Fermín Galán, hoxe Carlos III Contaba con 29 metros de fondo, 23’5 de largo e 15 metros de altura. A modernísima Casa do Pobo albergaba un auditorio para 500 persoas, unha sala de xuntas para 150 persoas, 25 secretarías e unha biblioteca. Infelizmente, non chegou a realizarse.

Após o golpe de Estado de 1936, o exército sublevado asasinou centos de traballadores e expropiou o Centro Obreiro da praza Pablo Iglesias. Sempre houbo represión contra o movemento obreiro, mais nunca houbera un proxecto de exterminio. Os planos daquela Casa do Pobo mostran a forza do proletariado ferrolán e denuncian a inmensa privación que aínda sofremos.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies