FERROL360 | Domingo 16 outubro 2016 | 11:45
A Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil, organizada polo Padroado da Cultura de Narón e na que tamén participa o Concello de Ferrol, iniciarase o vindeiro luns no Pazo da Cultura. Uns 5.500 alumnos de centros educativos da localidade e da comarca están xa anotados nalgunha das trinta funcións programadas. En todo o caso, o prazo para anotarse aínda está aberto.
A programación comezará o día 17 de outubro, ás 10:00 horas, coa representación da obra Memorias dun neno labrego, a cargo da compañía Contraproduccións, para alumnado de Bacharelato e Ciclos do IES Terra de Trasancos. A obra porase en escena de novo ás 12:00 horas para rapaces e rapazas do IES As Telleiras, de Narón, e o IES Breamo, de Pontedeume.
As dúas primeiras convocatorias reunirán no Pazo a un total de 269 estudantes, que abonarán dous euros para cubrir parcialmente os gastos de desprazamento desde os centros educativos, tal e como se fai habitualmente na Mostra.
Na xornada do martes, día 18, subirase de novo ao escenario o elenco da obra Memorias dun neno labrego, que actuará para alumnado de 3º e 4º de ESO dos colexios Ayala, Santiago Apóstol, Jorge Juan e do Feal a partir das 10:00 e para o de 3º e 4º de ESO dos institutos das Telleiras e Terra de Trasancos. En total, na xornada do martes desprazaranse ao Pazo un total de 506 rapaces e rapazas.
A compañía Ghazafelhos protagonizará os espectáculos previstos para as xornadas do 24, 25 e 26 de outubro, que consistirán na representación da obra Rubicundo. Nesas tres xornadas, e en seis funcións en total, desprazaranse ao Pazo da Cultura 1.521 rapaces.
Serán alumnos dos colexios Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Ayala, Virxe do Mar, Piñeiros, CRA, Santiago Apóstol, A Solaina, A Gándara e O Feal, de Narón; San Isidro, de Neda; Santiago Apóstol de Franza en Mugardos; Moeche; Manuel Masdías, de Ferrol, e Os Casais, de Fene.
A Mostra continuará a súa programación ata o mes de decembro.