Home / Sociedad / Valdoviño abre a inscrición para participar na Peregrinaxe a Santo André

Valdoviño abre a inscrición para participar na Peregrinaxe a Santo André

FERROL360 | Mércores 18 setembro 2019 | 10:17

O Concello de Valdoviño abre o prazo de inscrición na Peregrinaxe a Santo André, que organiza o goberno local ao abeiro do proxecto «Dende os Camiños de Peregrinación ata o Xacobeo», cofinanciado pola Xunta de Galicia no marco do programa «O Teu Xacobeo».

A inscrición debe formalizarse na Casa da Cultura de Valdoviño este mércores , só para as persoas empadroadas en Valdoviño. O xoves e venres será para persoas empadroadas en Valdoviño e resto de concellos. O horario é de 10.00 a 13.00 horas. As prazas están limitadas a 100 e o custe da actividade é de 10 euros, inclúe regreso en autocar e xantar.

A Peregrinaxe a Santo André celebrarase o sábado 28 de setembro e na mesma explicarase pormenorizadamente a súa historia, lendas e vinculación con Santiago. Así mesmo, nalgúns puntos do percorrido as persoas participantes poderán gozar de performances nas que se recrearán acontecementos tradicionais do camiño, como pode ser o das caldupeiras. E, á chegada ao santuario, organizarase un xantar tradicional a pé de campo, tal como facían os antigos romeiros.

Ademais, o programa continuará o 11 de outubro no auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño, coa proxección da película The Way, que aborda a historia de Tom Avery (personaxe interpretado por Martin Sheen) que representa a un oftalmólogo de renome que recibe a noticia da morte do seu fillo Daniel nos Pirineos.

Cando Tom se despraza ata o lugar para preparar o enterro, descobre que Daniel estaba a realizar o Camiño de Santiago e decide entón completar a ruta que o seu fillo non puido facer. No cine fórum posterior á película debatirase acerca de como a película incitou a moitos estadounidenses a facer o camiño e das vivencias que os participantes nas visitas programadas sacaron en relación ao camiño.

A entrada é libre, aínda que o aforo está limitado a 180 prazas.

O 15 de outubro, e no mesmo escenario, o arqueólogo Ángel Concheiro Coello impartirá a charla «Camiños de peregrinación ao longo da historia: camiño de Santo André, Camiño a Teixido e Camiño de Santiago. Recoñecemento social da poboación local». Aínda que a entrada é libre, será requisito asistir á charla para tomar parte nas visitas a Santo André e a Santiago.

E, como broche de ouro ao proxecto, celebrarase unha visita a Santiago de Compostela o 19 de outubro para dar a coñecer aos veciños e veciñas a esencia e xerme do Xacobeo. Incluirá a visita ao Pórtico da Gloria e ao Museo da Catedral, así como un percorrido pola zona monumental.

As prazas están limitadas a 50, o custe é de 10 euros e é preciso inscribirse previamente. Informarase proximamente das datas. Nesta liña, solicitaráselles ás persoas participantes nas visitas a Santo André e Santiago que, finalizadas as mesmas, presenten unha fotografía que recolla o mellor momento do seu camiño nesta experiencia. Imaxes coas que o Concello organizará unha exposición nos vindeiros meses.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies